Imprimir

O CONCELLO DE LUGO ENCÁRGALLE A AFALU A DOCENCIA DE DOUS CURSOS DO PROGRAMA LUGO EMPREGO ACTIVO 2


24/7/2014 Os cursos formarán a 14 parados en coidados de dependentes e atención a persoas no seu domicilio

Lugo Emprego Activo 2, programa financiado polo Concello e a Unión Europea, dá formación a case 600 parados

O Alcalde, José López Orozco, acompañado pola Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñoz, asinou hoxe dous contratos coa Presidenta da Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer (AFALU), María del Carmen Pena Ledo, para impartir dous cursos do programa Lugo Emprego Activo 2.

O Alcalde amosou a súa satisfacción por esta posibilidade de colaboración cunha asociación moi especializada e moi sensible na materia da que tratan os dous cursos, que son para Coidador/a de persoas dependentes e enfermas de Alzheimer e sobre Atención sociosanitaria a persoas no domicilio.

Tamén explicou López Orozco que AFALU foi a entidade que gañou unha convocatoria para a docencia dos cursos, que se licitaron nunha convocatoria aberta.

O importe total dos dous contratos é de 13.181 euros, 9.600 correspondentes á docencia do curso de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio e os restantes 3.581 euros ó de Coidador/a de persoas dependentes e enfermas de Alzheimer.

A Presidenta de AFALU, María del Carmen Pena Ledo, destacou que esta entidade é unha das asociación máis implicadas na atención das necesidades de persoas con Alzheimer e outras demencias e destacou que dispón de persoal moi preparado. Neste sentido, explicou que os técnicos de AFALU mesmo foron requeridos para traballar en varios centros de Alzheimer de Cuba, onde levan xa catro anos de presenza.

39 cursos para formar a 585 desempregados

Os dous cursos enmárcanse no programa Lugo Emprego Activo 2, que dispón dun presuposto de 1,5 millóns de euros, o 80% financiado pola Unión Europea e o 20% restante polo Concello de Lugo.

En total, este programa de fomento do emprego consta de 39 accións formativas cunha cifra final de 585 beneficiarios (15 por cada unha), que obteñen formación e perciben unha beca.

A primeira fase deste programa Lugo Emprego Activo 2 tivo unha primeira edición, na que se organizaron sete cursos, e agora estase a executar a segunda, na que se inclúen sete cursos máis, entre eles os dous que impartirá AFALU e que comezarán o día 11 de agosto.