Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Reaberto o prazo para presentar ofertas á xestión do servizo de buses urbanos de Lugo, unha vez que o Tribunal Administrativo Central rexeitou suspender o procedemento


# Luns, 28/07/2014
O Concello amplíou o prazo ata o 8 de setembro para que as vacacións de verán non entorpezan a presentación de ofertas

A Concellería de Economía, Emprendemento e Autónomos, que dirixe Sonia Méndez, informou da publicación, hoxe, no Diario Oficial da Unión Europea e no Perfil do Contratante do Concello de Lugo da reapertura do prazo de presentación de ofertas para a xestión do servizo de autobuses urbanos de Lugo.

A continuación do procedemento e a apertura do novo prazo de presentación de ofertas é consecuencia da resolución ditada polo Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, con sede en Madrid, que fallou a favor do Concello de Lugo nos recursos presentados por tres empresas do grupo Monbús contra os plegos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas para a contratación da xestión do servizo público de transporte regular de viaxeiros.

Na súa resolución, que é definitiva na vía administrativa, o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais desbotou os recursos e levantou a suspensión do procedemento de contratación.

Logo deste pronunciamento, que se coñeceu a principios de mes, o Goberno local aprobou, na Xunta de Goberno Local celebrada o día 16, volver abrir o prazo para a presentación das ofertas, co fin de poder adxudicar o antes posible o servizo de transporte público colectivo no término municipal de Lugo.

O Concello traballa co obxectivo de facer a adxudicación coa maior axilidade posible, pero, tamén, con toda a transparencia e as garantías no procedemento, dando a oportunidade de que poidan presentar oferta todas aquelas empresas que poidan estar interesadas.

Por este motivo, o Equipo de Goberno decidiu retomar o prazo de presentación de propostas e amplialo a 40 días, de maneira que a coincidencia coas vacacións de verán non sexa obstáculo para que ningunha empresa poida presentar as súas ofertas.

De non terse feito esta ampliación, os 14 días que restaban do prazo inicial finalizarían a mediados do mes de agosto, en pleno período estival.

O prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto, grazas a esta ampliación, ata o día 8 de setembro.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova