Cargando....
Concello de Lugo
05/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Xunta recoñece a boa situación económica do Concello e autoriza a convocatoria de axudas para autónomos


# Mércores, 20/08/2014
O prazo para solicitalas abrirase en setembro e esta liña de axudas conta cun orzamento de 450.000 euros

Imaxe Asociada
O Voceiro do Goberno Local tamén informou da renuncia a formar parte do Comité de expertos da O.R.A. os dous membros designados pola Dirección Xeral de Tráfico por non ter competencias


O Concello de Lugo xa ten a autorización da Xunta de Galicia para convocar unha nova liña de axudas para pequenas empresas e autónomos que desenvolvan a súa actividade no municipio de Lugo. Así o anunciou a Concelleira de Economía, Emnprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, que sinalou que “despois de 6 meses agardando por unha resposta da Xunta por fin podemos sacar a diante esta convocatoria de axudas cunha inversión de 450.000 euros”.

Poderán solicitar esta liña de axudas as microempresas, menos de 10 persoas, que desenvolvan a súa actividade dentro do municipio de Lugo, excluida a zona URBAN. A axuda poderá ser de ata o 50% do total dos gastos e se están promovidos por unha muller, incrementaráselles a subvención nun 5% máis, ata un máximo do 55%. A convocatoria sairá no mes de setembro e difundirase entre todas as asociacións de empresarios, federación e medios de comunicación.

Sonia Méndez salientou que nos informes remitidos pola Xunta de Galicia recoñécese a boa situación financieira do Concello de Lugo, “aínda que o PP de Lugo se empeñe en dicir todo o contrario”, e tamén recoñecen “a falta de capacidade da Xunta de Galicia para cubrir as necesidades dos autónomos e emprendedores e por iso nós temos que asumir ese traballo”.

Estas medidas son complementarias a outras iniciativas que xa impulsou este Concello, como son as axudas do Plan Urban, exclusivo para o casco histórico, ou a creación e xestión do CEI-Nodus, en funcionamento dende o ano 2004, e que ademais de ceder espazos para novas empresas tamén realizan unha tarefa de asesoramento.

Xunta de Goberno Local
Da Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, o Voceiro e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, destacou o acordo para ampliar a designación efectuada á Vicesecretaria do Concello para que tamén poida atender aqueles supostos de asesoramento xurídico se é preciso.

Outro dos asuntos foi o acordo para a revisión de prezos ata o 5 de xullo de 2015 do servizo de atención de persoas maiores dependentes en réxime de atención diurna por importe de 190.703,48 euros ive incluido, xa que cada praza ten un valor de 635,68 euros ive incluido.

Comité Expertos ORA
O Voceiro do Goberno Local tamén deu a coñécer un escrito do 6 de agosto deste ano no que a Dirección Xeral de Tráfico comunica ao Concello que os dous membros que formaban parte do Comité de Expertos en materia de tráfico, para a evaluación das proposicións que se presentaron ao procedemento de contratación do servizo da O.R.A., renuncian ao carecer de  competencias sobre o mesmo.

Ante esta realidade e coa maior prontitude posible, o Concello de Lugo, xa solicitiou á Secretaría Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia e ao Colexio de Enxeñeiros de Canales, Camiños e Portos, de Galicia a presencia de dúas persoas especialistas para formar de novo o Comité de Expertos.

Luis Álvarez sinalou que “despois dun ano está ben que a Dirección Xeral de Tráfico nos comunique que non teñen competencia nin coñecemento sobre o sistema O.R.A e que polo tanto, renuncian a estar en dita comisión” e engadiu que “esto supón un novo retraso no funcionamento de dita comisión pero confiamos en que non aparezan novas dificultades e se poida rematar este traballo o antes posible”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova