Imprimir

ATA O 12 DE SETEMBRO ESTÁ ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE PARA PARTICIPAR NO TERCEIRO OBRADOIRO DE NARRACIÓN ORAL


22/8/2014 As actividades de técnicas de oralidade e creación estarán impartidas polos escritores Antonio Reigosa e Isidro Novo

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, informa que está aberto o prazo para solicitar praza na terceira edición do obradoiro da Escola de Narración Oral. A inscrición é gratuíta e poderá formalizarse ata o 12 de setembro no Rexistro Xeral do Concello de Lugo. O número de prazas é de 25 e adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. Este obradoiro está organizado polo Concello e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Nesta terceira edición levarase a cabo un obradoiro de Contar con-tento: teoría e práctica da narración oral  impartirá a partir do día 24 de setembro o propio coordinador da escola, Antonio Reigosa, xunto ao escritor lucense Isidro Novo, e a especialista en narración oral Ana Carreira que desenvolverá unha clase maxistral. Con este obradoiro, aberto a todos os cidadáns maiores de 15 anos, abordaranse todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadores, co fin de inspirar a novos creadores e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura.

O curso, baixo o título Contar con-tento: Teoría e Práctica da Narración Oral, desenvolverase ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración do 23 de setembro ao 16 de decembro. As clases serán os martes de 18:00 a 20:00 horas no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra.

Na escola, que ten a súa sede no C.C. Uxío Novoneyra, estudaranse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de que o alumno acade notables coñecementos das técnicas da narrativa oral como son:

- Consellos básicos e exercicios prácticos para narradores orais.
- Recursos non verbais dos contadores.
- Improvisacións dialogadas.
- Oralización. Ferramentas para a adaptación de textos escritos.
- Noso contar/cantar e o doutras culturas.
- Ensamblar micro historias para contar unha gran historia.
- Clase maxistral sobre técnicas de narración oral.
- Catro sesións prácticas en diferentes centros de convivencia do Concello.