Imprimir

O CONCELLO DE LUGO AUMENTA UN 30% O SEU INVESTIMENTO EN FOMENTAR O EMPREGO A TRAVÉS DE OBRAS PARA ACONDICIONAR A CIDADE


3/9/2014

López Orozco presentou o Plan Mellora Lugo, dotado con 425.000 euros, que ten o dobre obxectivo de xenerar emprego e mellorar a cidade e que garantirá alomenos 20 postos de traballo

A Concelleira de Economía destaca que o Goberno local reforza o seu compromiso co emprego con este ambicioso plan, que terá cinco liñas de actuación e que se suma ós distintos programas de formación para parados que desenvolve o Concello de Lugo

O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Economía, Rosana Rielo, presentaron hoxe unha nova iniciativa do Concello de Lugo para favorecer o emprego e dinamizar a economía local. Trátase do Plan Mellora Lugo, que ten como obxectivo xenerar actividade económica e emprego ó tempo que se mellora a imaxe da cidade coa realización de obras de acondicionamento de zonas verdes e vías públicas e de mantemento de edificios e instalacións municipais.

O Alcalde explicou que o emprego é a principal prioridade para o Goberno local, por iso dende o Concello se están a desenvolver distintas iniciativas para mellorar a formación dos parados de Lugo, como son o programa Lugo Emprego Activo 2, que conta con financiación da Unión Europea, e o Obradoiro de Emprego Arqueo Lucus, subvencionado pola Xunta de Galicia, e ademais, a Administración municipal volverá a levar a cabo un plan de obra pública, herdeiro do PILES e o SELFE, para xenerar traballo e acondicionar a cidade.

O Concello investirá 425.000 euros grazas o Plan Mellora Lugo, o que supón reforzar económicamente esta programa municipal de emprego e de adecentamento da cidade, xa que o seu orzamento será superior nun 30% o que tivo a última edición do Plan SELFE, que contou cunha dotación económica de 325.000 euros, e un 77% máis que hai dous anos, cando a Institución municipal investiu 240.000 euros.

Con este ambicioso programa, o Concello vai poñer en marcha cinco liñas de actuación, cada uha delas dotada con 85.000 euros, nas áreas de Medio Ambiente, Educación, Deportes, Zona Rural e Infraestruras. Concretamente vanse realizar actuación de acondicionamento de zonas verdes, arranxo e reparación de colexios, mantemento e reparación de instalacións deportivas e mantemento, sinalización e pavimentación na zona rural e na rede viaria municipal.

O Goberno local ten previsto aprobar mañá a licitación das catro primeiras liñas de actuación correspondentes ás áreas de Educación, Deportes, Zona Rural e Infraestruras e en breve aprobarase o plego correspondente a Medio Ambiente.

A Concelleira de Economía destacou que, grazas ó Plan Mellora Lugo garantiranse alomenos 20 postos de traballo durante seis meses, aínda que a cifra será probablemente maior xa que o emprego é o principal criterio que se vai valorar para a  adxudicación dos distintos proxectos.

Rosana Rielo explicou que o Goberno local considera que, neste momento, é moi importante tanto a creación de novos postos de traballo como o mantemento dos xa existentes e, por este motivo, as empresas deberán ofrecer un mínimo de 2 postos de traballo de nova creación e o mantemento doutros 2 empregos.

Rielo lembrou, tamén, que na anterior edición esta iniciativa municipal garantiu 26 postos de traballo no tempo que duraron os traballos feitos polas empresasa contratadas polo Concello ó abeiro do Plan SELFE 2.