Imprimir

O X CONCURSO DE TAPAS DE LUGO CELEBRARASE DO 12 Ó 30 DE SETEMBRO COA PARTICIPACIÓN DE MEDIO CENTO DE ESTABLECEMENTOS


4/9/2014

Carmen Basadre destaca que o Concello e a Asociación de Hostalería colaboran de novo neste certame que renova o atractivo gastronómico de Lugo e contribúe á economía local

A mellor tapa de Lugo elixirase mediante votación popular e o resto dos galardóns serán outorgados por un xurado profesional


A  Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre; o Presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería, Cheché Real, e o Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, presentaron hoxe o X Concurso de Tapas de Lugo, unha cita xa tradicional na hostalería lucense previa á celebración das festas do San Froilán.

Carmen Basadre asegurou, na presentación do evento,  que coa celebración deste certame gastronómico “vaise renovar, unha vez máis, a nosa marca …E para comer Lugo, grazas ós deseños das tapas creativas preparadas polos cociñeiros e cociñeiras dos distintos establecementos da cidade”.

Para Carmen Basadre, “o concurso de tapas previo ó San Froilán é xa un evento grastronómico imprescindible, que lle dá vida á cidade, tamén crea economía e, ademais, promove a creatividade dos nosos cociñeiros e cociñeiras”.

A Concelleira de Cultura amosou, asimesmo, a súa satisfacción porque este ano aumentou o número de locais participantes no certame, que se desenvolverá do 12 ó 30 de setembro e no que tomarán parte 50 establecementos hostaleiros, cinco máis que na anterior edición.

O aumento no número de participantes é unha proba do éxito deste Concurso, tal como salientou Cheché Real, que tamén facilitou datos das últimas edicións do certame. Así, no ano 2012 consumíronse 29.441 tapas, o que xenerou un volume de negocio directo de 147.205 euros. E na última edición do Concurso de Tapas de Lugo, o ano 2013, o número de tapas que se consumiron medrou a 38.088 mentres que o volume de negocio directo que se moveu grazas a este certame aumentou ata chegar ós 190.400 euros.

Como en anteriores edicións, ete ano tamén o premio á mellor tapa de Lugo será concedido polo público e un xurado profesional escollerá as gañadoras nas modalidades de tapa creativa, tapa tradicional e a mellor maridaxe co viño da Ribeira Sacra.

Nesta edición, o prezo máximo das tapas será de 3 euros e o horario mínimo no que se poderan consumir é de 13.00 a 15.30 horas e de 20.00 a 22.30 horas.

Os cupóns para participar nas votacións distribuiranse nos locais participantes, nos que tamén se poderán depositar os votos.

Todas as persoas que participen nas votacións entrarán nun sorteo no que se repartirán distintos premios. O galardón máis importante será unha viaxe dunha semana para dúas persoas, ó que só poderán acceder as persoas que teñan selados os 50 cupóns. Tamén haberá outros premios como unha viaxe de fin de semana para dúas persoas a unha cidade europea, neste caso para optar ó galardón é necesario ter selados 25 cupóns, e haberá ademais outros premios como rutas en catamarán, catas en bodegas da Ribeira Sacra, circuítos termais, noites en hoteis, ceas en restaurantes e outros premios máis. Para optar a estes agasallos é necesario ter selos alomenos de 3 locais.