Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo homenaxea a un dos principais signos de identidade do San Froilán coa convocatoria do 1º Concurso de Polbeiras e Polbeiros


# Venres, 05/09/2014
Basadre anuncia que certame celebrarase o 9 de outubro, no Mercado municipal, coa participación de seis polbeiras e polbeiros galegos

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O prazo de inscrición está aberto ata o día 22 e na degustación poderán participar 200 persoas

Tamén haberá un show cooking  no que tres destacados cociñeiros farán receitas creativas co polbo como protagonista



A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada polo cociñeiro Álvaro Villasante, do Restaurante Paprica, e por Isaac Prada, de Aceites Abril, presentaron hoxe unha destacada iniciativa que se pon en marcha con motivo das festas de San Froilán, que terá como protagonista ó polbo.
Trátase do 1º Concurso de Polbeiras e Polbeiros San Froilán 2014 que convoca o Concello de Lugo, con motivo das festas patronais, das que o polbo é un dos principais símbolos.

Carmen Basadre explicou que este concurso nace co obxectivo de incentivar e premiar os coñecementos e habilidades das polbeiras e polbeiros profesionais galegos que cociñan e serven polbo á feira. Tamén se trata de facer unha exhaltación deste prato fundamental da gastronomía galega e que constitúe un dos grandes reclamos das festas de San Froilán.

O concurso levarase a cabo, o día 9 de outubro, no Mercado Municipal de Abastos, na rúa Quiroga Ballesteros,  e o xurado, composto por cinco profesionais do sector, valorará os seguintes aspectos: sabor do polbo, textura e punto de cocción, adobo e corte e presentación.

O polbo tamén será protagonista da creatividade de tres destacados cociñeiros, entre eles Álvaro Villasante, do Restaurante Paprica, e Héctor López, do Restaurante España, que farán un “Show cooking”, cociña en vivo, ó mesmo tempo que traballan as polbeiras e polbeiros participantes no Concurso, tal e como explicou Álvaro Villasante esta mañá.

Pola súa parte, Isaac Prada explicou que Aceites Abril porá a disposición dos participantes no certame as distintas variedades de aceite que produce para a confección dos seus pratos de polbo á feira. Esta firma organiza tamén un espectáculo de Maxia verde que estará a cargo de mago Teto.


A degustación, que terá lugar entre as 19.00 e as 21.00 horas, será limitada a un máximo de 200 persoas, que deberán retirar previamente un ticket no propio Mercado por importe de 1 €.

A Concelleira de Cultura explicou que poderán participar no concurso un máximo de 6 polbeiras e polbeiros,  profesionais especializados/as na cocción e en servir o polbo que desenvolvan a súa actividade no territorio de Galicia. O prazo para realizar as inscricións ábrese hoxe e rematará o día 22 de setembro.

O gañador/a do 1º Concurso de Polbeiras/os San Froilán 2014 recibirá un premio dotado con 600 euros. O segundo premio consistirá nunha noite de aloxamento, almorzo e circuito termal no Balneario de Lugo. Todos os participantes recibirán un lote de produtos de Aceites Abril e diploma acreditativo.

A organización facilitará polbo das costas da Mariña, doado pola Asociación de Armadores de Burela ABSA, aínda que as persoas participantes tamén poderán traelo pola súa conta se o desexan.

A cerimonia e entrega de premios levarase a cabo no momento no que o xurado faga público o seu veredito, e terá lugar no propio Mercado Municipal de Abastos ás 20.00 horas.

Dacordo coas bases do Concurso, para tomar parte nel os concursantes deberán realizar a súa inscrición na Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua (Tfno. 982 297212 / 17 / 16 / 57, correo-e culturaarrobaconcellodelugo.org e fax. 982 297106).

As bases do certame pódense consultar nas páxina web www.lugo.es e www.sanfroilan.info así como no teléfono de atención cidadá 010.
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova