Imprimir

LUCÍA PÉREZ ACTUARÁ NAS FESTAS DE SAN FROILÁN


9/9/2014 Carmen Basadre anuncia que a cantante do Incio presentará o seu disco “Quitapenas” no concerto que ofrecerá o día 5 na Praza de Santa María

Lucía Pérez destaca a súa ilusión por actuar en Lugo, nas festas de San Froilán das que tanto desfrutou na súa infancia

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e Lucía Pérez presentaron hoxe o concerto que ofrecerá a cantante do Incio nas festas de San Froilán.

“E un pracer estar acompañada de Lucía Pérez, que actuará o día de San Froilán, o domingo 5 de outubro, ás 21.30, na Praza de Santa María”, anunciou Carmen Basadre.

A Concelleira amosou a súa satisfacción pola actuación da cantante do Incio nas festas patronais de Lugo porque, dixo, “Lucía é nosa” e anunciou que no concerto “vainos presentar o seu último traballo, un disco titulado Quitapenas, e animo a todos os lucenses e visitantes a que se acheguen a vela, especialmente ás persoas que teñan algún tipo de problema porque escoitala sempre é un pracer”.

Lucía Pérez destacou que “como lucense que son, estou encantada de actuar de novo no San Froilán, porque son unhas festas que recorrín moito de pequena e sempre soñei con estar nalgún deses escenarios”.

A artista explicou que “este ano será o terceiro que poida actuar na Praza de Santa María, que para mín ten moita maxia e estou moi porque me sinto moi agusto de cantar aquí coa xente que quero e que me quere”.

Respecto do concerto, Lucía Pérez anunciou que actuará acompañada por unha banda de seis músicos e avanzou que, no concerto, ademais de facer a presentación en Lugo do disco Quitapenas, tamén fará un repaso pola súa discografía e interpretará cancións galegas”.

Ademais de ofrecer un concerto no San Froilán, a cantante do Incio tamén anunciou que estará en Lugo o día 3, para presentar a Noite Aberta e tamén amosou o seu desexo de “poder disfrutar das festas, xa que hai un bó elenco de artistas que van actuar”.