Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo saca a contratación o Servizo de Comida no Fogar cun presuposto de 135.000 euros, que permitirá distribuir 4.000 menús máis que na actualidade


# Mércores, 10/09/2014
Este servizo municipal, que é complementario do de Axuda no Fogar, garante ós beneficiarios unha alimentación saudable e equilibrada

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A Concellería de Benestar Social serve comidas, nos seus fogares, a 67 lucenses maiores que viven sós

O Goberno local tamén aprobou hoxe novas medidas para mellorar a eficacia e a transparencia da administración municipal, cun procedemento máis áxil na tramitación das queixas e suxestións que plantexen os veciños



O Goberno local tomou hoxe dous importantes acordos en materia de atención social ás persoas maiores do noso municipio que viven soas e de participación cidadá, tal e como anunciou o Voceiro do Equipo de Goberno e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez.

Álvarez deu conta da decisión tomada pola Xunta de Goberno Local na reunión deste mércores de sacar a contratación o Servizo de Comida no Fogar cun custe anual que se estima en 135.084 euros para aumentar en case que 4.000 a cifra de menús que se distribúen na actualidade, de xeito que se poida atender o aumento na demanda, de maneira que este Servizo municipal teña capacidade para entregar ata 23.052 menús ó ano.

O Voceiro do Goberno local explicou que o Equipo de Goberno local aprobou hoxe o gasto e os pregos para a adxudicación, por procedemento aberto, deste servizo do que se benefician na actualidade 67 maiores que viven sós.

Luis Álvarez destacou que o Concello de Lugo, a través do servizo de comida no fogar, que é complementario da prestación de axuda no fogar, pretende dar resposta ás necesidades presentadas especialmente pola poboación maior do noso municipio, procurando a permanencia das persoas no seu contorno familiar en condicións dignas.

Tamén salientou que, con este servizo, preténdense acadar os seguintes obxectivos: contribuir a proporcionar unha alimentación adecuada, favorecer a prevención de posibles trastornos de saúde derivados da alimentación insuficiente ou dunha dieta pouco equilibrada, prevención de accidentes domésticos derivados da preparación da comida e ofrecer apoio ás persoas usuarias do servizo que viven soas para evitar o seu aillamento.

O Servizo de Comida no Fogar consiste na entrega periódica no domicilio da persoa usuaria de comidas preparadas coas garantías hixiénico-sanitarias que contempla a lexislación vixente, e que cubran as necesidades de toda a semana (incluídos festivos) durante o período no que se atope de alta no servizo. A distribución será, como mínimo, dun día á semana para cada persoa usuaria.

Poderán ser usuarias/os aquelas persoas residentes no concello de Lugo sempre que a xuízo do persoal técnico municipal a dita prestación sexa o recurso máis axeitado.

O acordo tomado hoxe pola Xunta de Goberno Local supón abrir o proceso de contratación do servizo cunha estimación do número de menús a entregar de 1.921 menús/mes e o prezo que se propón por menú é de 5,86 euros, polo que o custo total anual ascendería a 135.084,72 euros.

O número de menús para entregar é orientativo, resultado dunha estimación conforme á realidade actual, xa que poden predicirse futuras e periódicas baixas/altas do servizo, o que comporta variacións no número de menús para entregar. Visto o actual número de usuarios/as do servizo establécese unha previsión de entrega de 1.921 menús/mes, polo que o número de menús a entregar anualmente sería de 23.052. En 2013 o número de menús entregados foi de 19.216.

A duración do contrato será dun ano, que poderá ser prorrogable por períodos máximos anuais.

Mellora da atención ós veciños

O Goberno local tamén tomou hoxe outro acordo destacado que ten a finalidade de mellorar a atención que presta o Concello de Lugo ós veciños e veciñas.Trátase da aprobación do proxecto de modificación parcial do Regulamento Orgánico Municipal no relativo ó articulado regulador da Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións.

Luis Álvarez explicou que con esta modificación preténdese avanzar na eficacia da administración local e de prestar un mellor servizo á cidadanía, xa que se parte do feito de que as queixas ou suxestións que poidan plantexar os veciños e veciñas sobre o funcionamento de calquera área municipal é unha oportunidade de mellora.

O acordo tomado hoxe contribúe a simplificar o procedemento de resolución das queixas. Esta modificación prodúcese na percura dun maior grao de eficiencia no funcionamento da administración municipal e, polo tanto, dun maior grao de satisfacción na cidadanía. Ten por obxecto axilizar os trámites, axustar os prazos e os contidos dos informes dos servizos e, por outra, parte, comprometer a toda a organización municipal a colaborar coa Comisión Especial de Reclamacións e Suxestións, que se configura como unha eficaz ferramenta para obter información sobre os puntos fortes e débiles da organización municipal e, consecuentemente, dos súas posibilidades de mellora.

O Voceiro do Goberlo local manifestou que o Concello de Lugo dá un novo paso así en materia de transparencia, pola que ten recibido recoñecementos reiteradamente da acreditadaa ONG Transparencia Internacional, e tamén adopta medidas para o mantemento do certificado de Calidade ISO 9001-2008 outorgado á Oficina de Atención Cidadá (OAC), que implica coidar a xestión coa cidadanía, precisando dunha continua medición a fin de calibrar o grao de axuste ós obxectivos fixados e, cando procede, da adopción das medidas correctoras precisas.

A proposta aprobada, que debe ser ratificada polo Pleno, incorpora proposicións formuladas polos grupos da oposición e aféctalle ós artigos 131 sobre a composición e funcións, 132 sobre a presentación de suxestións e reclamacións, 133 sobre o procedemento, e 143 sobre a tramitación ante a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións.

O artigo 131 establece que é misión da Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións defender os dereitos dos veciños e veciñas nas súas relacións coa Aministración municipal, cos seus organismo públicos e entidades dependentes e superviasar a actuación destas, considerando as queixas como unha oportunidade de mellora. Tamén establece que é función da Comisión coñecer da tramitación das reclamacións ou suxestións sobre o funcionamento dos servizos municipais, así como dos informes emitidos e medidas correctoras; recabar información, emitir recomendacións e advertencias. Todos os órganos están obrigados a colaborar con ela e deberan ter en conta as súas recomendacións.

O artigo 132 establece que todos os veciños/as teñen dereito a presentar reclamacións e suxestións para a mellora do servizo e tamén poderán presentar felicitacións a persoas ou servizos. Poderán ser presentadas telemáticamente, de xeito presencial na Oricina de Atención Cidadá ou por escrito a través dos medios legalmente previstos. Non terán consideración de recurso administrativo.

O artigo 133 establece que recibida a reclamación ou suxestión, a oficina tramitadora poderá requirir á persoa interesada para que subsane defectos ou omisións no prazo de dez días. Admitida a trámite a reclamación ou suxestión comunicarase a instrución do procedemento á persoa interesada e darase traslado á Alcaldía e á Concellería que corresponda e solicitarase informe do servizo afectado, que disporá de quince días de prazo. No caso de que o informe non sexa emitido no prazo indicado o/a Xefe/a de servizo será requerido para a súa comparecencia ante a Comisión a fin de que o emita verbalmente. Recibido o informe, formularase unha proposta de resolución e incluirase o expedente na Orde do día da seguinte Comisión. As reclamacións deberán ser contestadas nun prazo non superior a tres meses.

O artigo 134 establece que á vista da documentación achegada para cada queixa ou suxestión, a Comisión poderá emitir ditame en forma de Recomendación que lle será comunicado á persoa reclamante. Tamén poderá requirir información complementaria sobre as suxestións e reclamacións, poderá requirir a presenza dos Xefes/as do servizo afectados pola suxestión ou reclamación, que estarán obrigados a comparecer.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe, en materia de Persoal, a designación dos membros dos tribunais cualificadores para a selección de persoal laboral temporal de prazas de auxiliar do fogar, axudante de cociña e limpeza, oficial cociñeiro/a e de operario do cemiterio municipal.

Na área de Urbanismo, foron denegadas dúas licenzas. Unha para a construcción por substitución dun edificio para uso de oficinas, na rúa San Froilán, que foi denegada por
incumprir a Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e o Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior do Recinto Amurallado. E outra para a construción dun edificio para vivendas na Ronda das Fontiñas por non ter aprobado un estudo de detalle que ordene previamente os volumes edificables e por incumprir o establecido no PXOM.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova