Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Comeza o X Concurso de Tapas de Lugo co que colabora o Concello


# Venres, 12/09/2014


Imaxe Asociada
Medio cento de establecementos da cidade compiten ata o día 30 de setembro neste certame

O público escollerá a mellor tapa e un xurado profesional seleccionará a mellor tapa creativa, a mellor tapa tradicional e a mellor maridaxe con viño da Ribeira Sacra


As Concelleiras de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, acompañadas polo Presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería, Cheché Real, participaron na inauguración do X Concurso de Tapas de Lugo. O acto tivo lugar este mediodía no Restaurante La Encina, que foi o establecemento gañador na convocatoria do ano 2013.

Este ano participan un total de 50 negocios de hostalería do municipio, con tapas cuxo prezo oscila entre 1 e 3 euros. O horario mínimo de degustación é de unha a tres e media do mediodía e de oito da tarde a dez e media da noite, aínda que cada local pode amplialo se o desexa.

O gañador do Concurso de Tapas de Lugo será escollido polo público. En todos os establecementos inscritos haberá cupóns de votación. Para poder votar tense que cubrir ese cupón con 3 selos de 3 locais diferentes, indicar debidamente o nome do establecemento e da tapa aos que se lles dá o voto, así como os datos persoais e de contacto, e depositalo na urna correspondente que poñerá á vista cada hostaleiro.

A xente que tome parte no Concurso de Tapas de Lugo poderá optar a varios premios. Quen deposite na urna o pasaporte cuberto cos 50 selos entrará no sorteo dunha viaxe dunha semana para dúas persoas. Entregando o pasaporte con 25 selos diferentes como mínimo entrarase no sorteo dunha fin de semana nunha cidade europea para dúas persoas, de circuítos termais e mais de noites en hoteis. Por último, entre quen entregue na urna o cupón de votación selado por 3 locais distintos sortearanse varios agasallos, como ceas en restaurantes, rutas en catamarán ou catas en bodegas da Ribeira Sacra, entre outros.

Despois do 30 de setembro, un xurado técnico seleccionará a mellor tapa creativa, a mellor tapa tradicional e a mellor maridaxe con viño da Ribeira Sacra.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova