O Concello de Lugo ratifica a multa de 30.000 euros imposta á empresa Urbaser polo incumprimento dos servizos mínimos durante a folga de limpeza e recollida do lixo
# Mércores, 17/09/2014
A Xunta de Goberno Local desbotou as alegacións formuladas pola concesionaria deste servizo municipal e mantén que a empresa cometeu unha falta moi grave ó non prestar os servizos mínimos
O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, anunciou que o Concello de Lugo ratificou hoxe a multa imposta á empresa Urbaser como responsable do incumprimento dos servizos mínimos establecidos con motivo da folga de limpeza e da recollida do lixo que sofriu a nosa cidade este verán.
Luis Álvarez explicou que esta decisión tomouna hoxe a Xunta de Goberno Local. Segundo informou, o Goberno municipal “acordou considerar probado que durante a folga se constatou o incumprimento dos servizos mínimos decretados, considérase responsable da comisión deses feitos á empresa Urbaser e, polo tanto, responsable dunha infracción moi grave, polo que se decide impoñerlle unha sanción por importe de 30.050,60 euros pola comisión dunha falta moi grave”.
Tamén salientou o Voceiro do Goberno local que “esta resolución adóptase porque se desestiman as alegacións que presentou, primeiro para suspender o procedemento e despois para que non se considerase á empresa responsable dese incumprimento”.
Luis Álvarez suliñou que “con esta decisión péchase o procedemento por parte do Concello de Lugo e, agora, a empresa ten a posibilidade, se así o estima, de interpoñer recurso de reposición ou acudir á xurisdicción contencioso-administrativa”.
Plan Paradai
A Xunta de Goberno Local tamén lle deu o visto e prace á unha nova addenda, a número 3, ó Convenio de colaboración coa Xunta para a execución das obras do Plan Paradai. Esta modificación faise a petición da Xunta de Galicia nas anualidades consignadas débese a razóns de tipo técnico e supón adiar ó ano que vén 748.000 euros, parte do presuposto da obra do novo vial que se constrúe entre Serra de Meira e Duquesa de Lugo, xa que os traballos estarán rematados a finais deste exercizo orzamentario, concretamente o prazo para a finalización da obra é o 28 de decembro, polo que o peche das certificacións diferirase ata o vindeiro ano.
Esta addenda ó convenio modifica a cláusula primeira referida ó obxecto, pasando a determinar que é para establecer as bases da colaboración técnica e económica entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Lugo para a realización da actuación “Ponte Paradai-r / Serra de Meira Fase 1ª: Glorieta Ponte Paradai - Glorieta Serra de Meira”. Tamén se modifica a cláusula terceira, relativa ós compromisos da Xunta de Galicia, pasando a determinar que se financian as obras segundo o proxecto, destinando para iso ata un máximo de 3.557.670,00 euros con cargo ós Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma, distribuídos da seguinte forma:
Anualidade Importe (€)
2012 12.934,79
2013 342.832,21
2014 2.453.881,84
2015 748.021,16
TOTAL 3.557.670,00
Tamén se modifica a cláusula sétima, relativa á vixencia do convenio, pasando a recoller que a vixencia do convenio estenderase ata o 31 de decembro de 2015.
Outros acordos
Ademais acordouse prorrogar por un ano o contrato de prestación do Servizo educativo e de comedor e limpeza nas escolas infantís municipais Luis Soto Menor (San Fiz) e Piringalla, así como a revisión de prezos para o citado período, dacordo coa estimación de previsión do IPC interanual, de xeito que queda como prezo máximo do contrato para o devandito período en 211.123,42 euros para a Escola Infantil Municipal de San Fiz e de 209.979,96 euros para a Escola Infantil Municipal da Piringalla.
Compartir: