Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

As festas do San Froilán 2014 prometen boa música, actividades na rúa, artesanía e gastronomía para todos os gustos


# Martes, 23/09/2014
Entre o 4 e o 12 de outubro actuarán grupos como Buena Vista Club Social, Lucía Pérez, Ara Malikian, Susana Seivane ou Efecto Pasillo ademais de contar coas charangas e grupos de rock lucenses 

Imaxe Asociada
O Domingo das Mozas celebrarase a ofrenda a Rosalía de Castro na que participará a artista Luz Darriba co acompañamento de Susana Seivane

A I Feira de Artesania e Gastronomía GastroArte e o primeiro concurso de polbeiros e polbeiras son dúas das novidades dun programa con máis de 200 actos

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentaron esta mañá o programa de actividades do San Froilán 2014. Esta nova edición das festas conta cunha programación no que se mistura o tradicional co moderno para ter un ambiente festivo e con actividades para todos os gustos e idades. 

O Alcalde anunciou “que este anos temos unhas grandes festas o que se vai a traducir en divertimento e gañas de pasalo ben pero tamén van a supoñer un retorno económico para a cidade”. Neste sentido, lembrou que son moitas as persoas que visitan Lugo durante a semana que duran as festas do San Froilán e que “son boas embaixadoras das grandes cualidades que ten esta cidade”. Ademais desexou que “veñan moitísimas persoas a desfrutar do que esta cidade pode ofrecer como son atractivos gastronómicos,  arqueolóxicos, ou culturais pero tamén a desfrutar dos moitos concertos ou de coñecer os produtos da Feira de GastroArte”.

Pola súa parte, Carmen Basadre, anunciou que as persoas que se acheguen a Lugo xa poderan ir quentando motores para o San Froilan o venres 3 de outubro coa celebración dunha nova edición da Noite Aberta polas rúas do centro da cidade. Tamén o venres 3 ás 19 horas comezará o festival Muralla Rock, que despois de varios anos sen convocatorias se volve a celebrar. Será no Pazo de Feiras e Congresos e a entrada será de 15 euros para desfrutar do mellor rock nacional e galego con grupos como Los Suaves, Rosando, Costas e Tregua.

A responsable da área de Cultura destacou que este ano toman forza as verbenas xa que “contaremos coas mellores orquestas de Galicia como a Paris de Noia ou o Combo Dominicano entre otras para que as noites durante a semana sexan máis festivas”. Ademais tamén se manteñen as sesións vermú o sábado 11 ás 13 horas na Praza do Campo, e o domingo 12 coa Orquesta Pontevedra na Praza Maior. Tamén haberá moita actividade de rúa con charangas e grupos de música que ambientarán non só o centro da cidade senón que tamén acudirán a todos os barrios da cidade para levar o ritmo festivo.

Durante este semana de festas os amantes da música tamén poderán desfrutar dos grupos locais con diferentes concertos entre eles, o do venres 10 de outubro ás 20 horas na Praza de Santa María, co Lugo Rock, no que seis grupos locais tocarán música rock. Sen esquecer os concertos que se realizarán na Praza Horta do Seminario e a Praza de Santa de María con grupos como Buena Vista Club Social, Efecto Pasillo, Kase O & Jazz Magnetism, Ara Malikian, Lucia Pérez, Susana Seivane, Les Tambours du Bronx, En Clave de Fado ou Marful, entre outros moitos.

Son máis de 200 actividades para todas as idades e todos os gustos que permitirán aos cidadáns ter a diversión asegurada durante todo o día a través de actividades como teatro, danza, o tradicional desfile de gando, a feira medieval ou bandas de música.

Tamén para os máis pequenos haberá o San Froilán Miúdo con actividades específicas para nenos e nenas en diferentes zonas da cidade como pode ser A Cociñiña Saborosa  da Compañía Les Festijeux o sábado 4 ás 16 horas no patio do Seminario, música clásica coa Orquestra dos Sete Mares, o luns 6 ás 12.30 na Praza de Santa Maria, ou karaokes no Campo Castelo, festas do xoguete e moitas máis actividades dirixidas ao público infantil.

Domingo das Mozas e Pregón
Este ano o pregón cambiará de hora e celebrarase o sábado 4 de outubro ás 12.30 horas na Casa do Concello despois do desfile de gando de razas autóctonas. Nesta ocasión, o pregoeiro será o lucense Pedro Revaldería, Director xeral de Producciones Mandarina e que ocupou diversos postos de responsabilidade en produtoras e cadeas públicas e privadas en España.

O domingo día 12, Domingo das Mozas e Día do Traxe Rexional Galego, terá lugar  a tradicional ofrenda á Rosalída de Castro, que este ano será a cargo da artista Luz Darriba que estará acompañada pola música de Susana Seivane. Ese mesmo día, nas rúas do centro, terá lugar a XV Mostra de Música Tradicional na que participan numerosas asociacións de gaiteiros galegos. 

GastroArte e Concurso de Polbeiros e Polbeiras
Este San Froilán 2014 tamén vai a acoller a I Feira de Artesanía e Gastronomía GastroArte que permitirá a instalación de numerosos postos de artesanía e degustación “coa idea de recuperar esas feiras tradicionais que se celebraban hai moitos anos”. Así, na Avenida de Ramón Ferreiro, entre a Rúa Salvador de Madariaga e o edificio da Dirección Xeral de Tráfico instalaranse casetas do mesmo tamaño e cun tellado saínte para que no caso de choiva os visitantes poidan pasar entre os postos sen problemas. Estas casetas estarán abertas os dias 4, 5, 6, 11 e 12 de outubro en horario de 11:00 ata as 00:00 horas e os días 7, 8, 9 e 10 será de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 23:00 horas.

Ademais, o día 9 de outubro tamén se celebrará o 1º Concurso de Polbeiras e Polbeiros San Froilán 2014 que nace co obxectivo de incentivar e premiar os coñecementos e habilidades das polbeiras e polbeiros profesionais galegos que cociñan e serven polbo á feira. O concurso levarase a cabo no Mercado Municipal de Abastos, na rúa Quiroga Ballesteros,  e o xurado, composto por cinco profesionais do sector, valorará os seguintes aspectos: sabor do polbo, textura e punto de cocción, adobo e corte e presentación. 

O polbo tamén será protagonista da creatividade de tres destacados cociñeiros, entre eles Álvaro Villasante, do Restaurante Paprica, e Héctor López, do Restaurante España, que farán un “Show cooking”, cociña en vivo, ó mesmo tempo que traballan as polbeiras e polbeiros participantes no Concurso.

Orzamento San Froilan 2013
Neste sentido, Carmen Basadre, destacou que o orzamento da festa é o mesmo co do ano pasado, entorno a 650.000 euros, e que é o máis baixo das últimas décadas. A aportación que fai o Concello de Lugo con diñeiro de todos os lucenses é de 100.000 euros “o resto conséguese a través dos ingresos polas casetas e as diferentes atraccións que se instalan e convenios de colaboración” segundo sinala a Concelleira de Cultura.





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova