Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello adica 950.000 euros á compra dunha autoescaleira de 42 metros para os Bombeiros


# Mércores, 24/09/2014
A Xunta de Goberno aproba a licenza para a ampliación do Hospital Veterinario Rof Codina 

Imaxe Asociada
O Concello lembra que Lugo é unha cidade libre de circos con animais

O Goberno local aprobou hoxe dous destacados acordos un para mellorar a prevención de emerxencias e outro para as infraestruturas universitarias no Campus de Lugo.

O primeiro dos acordos supón a apertura do proceso para contratar a compra dun vehículo autoescaleira para o Servizo de Bombeiros, segundo informou Luis Álvarez, Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente na rolda de prensa na que informou dos acordos tomados este mércores pola Xunta de Goberno Local. 

Luis Álvarez indicou que este novo vehículo para o Servizo de Emerxencias do Concello estará dotado dunha autoescaleira automática de 42 metros articulada para usos múltiples e o Goberno local destina unha partida de 949.850,00 euros, IVE incluído, para a compra do mesmo.

A adxudicación farase por procedemento aberto e o prazo máximo de entrega será de once meses dende a data de formalización do contrato.

A Xunta de Goberno Local aprobou, asimesmo, a concesión de licenza municipal para a ampliación do Hospital Universitario Veterinario Rof Codina, que conta cun presuposto de 4 millóns de euros e conta con financiamento da Unión Europea, a través dos fondos Feder. 

Álvarez explicou que esta ampliación é moi importante para un Hospital Universitario que é referente a nivel estatal e europeo e salientou que o Concello de Lugo ten a máxima de dar o seu apoio a calquera actuación que sexa importante para a Universidade.  

Cidade sen circos con animais

O Voceiro do Goberno local tamén deu conta das advertencias feita hoxe polo Concello ós promotores dun Circo que pediron autorización para instalarse na nosa cidade entre os días 25 e 29 de setembro.

En primeiro lugar, o Concello advertiulles de que están a levar a cabo unha acción de publicidade enganosa ó asegurar que o Concello de Lugo colabora nese espectáculo cousa que é falsa. Por este motivo, ordenouselles, a través dun decreto asinado polo Alcalde, a inmediata retirada do logo do Concello de Lugo en toda aquela publicidade na que figure. 

Asimesmo, advírtese a esta empresa que, conforme ó acordo plenario de data 3 de marzo, o Concello de Lugo declárase como libre de circos con animais, polo que, no caso de que a presente actividade circense se desenvolvese con animais, quedará revogada a autorización concedida para a organización dun espectáculo sen animais, sen perxuizo das responsabilidades nas que poida incorrer. 

Outros acordos

O Goberno local tamén tomou o acordo de deixar sen efecto o expedente de incautación da garantía definitiva á empresa adxudicataria das obras de rehabilitación da Ponte Vella por terse producido o pagamento voluntario dos 18.714,96 euros por parte da empresa contratista. A Xunta de Goberno Local acordara o pasado 30 de xullo incoar expedente de incautación de garantía definitiva para responder das penalidades por demora no cumprimento do prazo da obra, dacordo coa sentenza ditada polo Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo, que lle deu a razón ó Concello nun recurso que interpuxo a empresa. 

Por outra parte, o Equipo de Goberno decididiu incoar o expediente de incautación da garantía definitiva por un importe de 4.750 por incumprimento contractual á entidade que presta o seguro voluntario de asistencia sanitaria para os empregados do Concello. Esta decisión é consecuencia da denegación inxustificada de asistencia sanitaria por parte da entidade a unha funcionaria e prodúcese para o reintegro dos gastos ocasionados pola continuidade do tratamento médico prescrito polo equipo médico concertado.

Na Xunta de Goberno tamén se acordou a presentación da candidatura da cidade de Lugo no certame da Capital Española da Gastronomía 2015. Este evento foi creado pola Federación Española de Hostalería e a Federación Española de Periodistas e Escritores de Turismo para incentivar a promoción do turismo gastronómico. O 15 de outubro o xurado dará a coñecer a cidade elixida, que iniciará o seu mandato o 1 de xaneiro, protagonizando a súa presentación mundial no stand de FITUR o día 28 de xaneiro.

A Xunta de Goberno Local aprobou ademais as bases para a provisión dos postos de trabalo de Secretario/a Xeral do Pleno e Vicesecretario/a do Concello de Lugo, ó figurar vacantes no cadro de persoal os dous postos, que se cubrirán polo sistema de libre designación. Será requisito indispensable para concorrer á convocatoria, ser funcionario/a da Administración Local con habilitación de carácter nacional, pertencente á subescala de secretaría e categoría superior.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova