O restaurante Paprica gaña o Concurso de Tapas de Lugo que organizan o Concello e a Asociación de Empresarios da Hostalería
# Mércores, 01/10/2014
A tapa gañadora está composta por lombo de pescada a baixa temperatura con crocante de arroz negro e xeado de tomate asado
O gañador do décimo Concurso de Tapas de Lugo foi o restaurante Paprica, que concorreu cunha proposta de lombo de pescada a baixa temperatura con crocante de arroz negro e xeado de tomate asado. Este concurso está organizado polo Concello, a través da Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, e a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería.
O segundo clasificado neste certame foi o Restaurante España, que este ano elaborou unha tapa de vieira, fideos de cabaciña aromatizados con soia e laranxa, e todo isto acompañado por tempura de codium fresco e caviar de soia, salsa de ostras e teriyaki. Finalmente, o restaurante Campos fíxose coa terceira posición grazas á súa proposta de tronco de bonito á brasa sobre salsa de manga agridoce, cogomelo confeitado e xuliana de feixón salteado.
Esta é a relación dos dez locais hostaleiros máis votados:
- Paprica
- Restaurante España
- Campos
- El Riba
- Casa D’Auga
- Verruga
- Canela Bakery Coffee
- Arrocería Os Cachivaches
- As Tapiñas
- Segredo
Entre estes locais, do 6 ao 9 de novembro, un xurado técnico escollerá a mellor tapa creativa, a mellor tapa tradicional e a mellor maridaxe con viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Compartir: