Imprimir

O CONCELLO DE LUGO AMOSA A SÚA SOLIDARIEDADE CO DE BARALLA TRALO ATENTADO DA PASADA NOITE


1/10/2014 O Goberno local censura a exclusión, de novo, do AVE e a intermodal de Lugo nos investimentos do Estado para 2015

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, expresou hoxe a solidariedade do Concello de Lugo co de Baralla tralo atentado rexistrado a pasada noite que causou diversos desperfectos tanto na Casa Consistorial como en edificios colindantes.

Luis Álvarez fixo pública a solidaridade do Concello de Lugo co Concello veciño de Baralla nunha comparecencia informativa na que tamén fixo unha primeira valoración do proxecto de Presupostos do Estado para o ano que vén, que volven excluir, unha vez máis, a Lugo dos investimentos para a Alta Velocidade.

O Voceiro do Goberno local salientou que “no caso do concello de Lugo botamos en falta unha aposta definitiva polo AVE e tamén pola intermodal e temos que seguir demandando esas infraestruturas xa que Lugo queda unha vez máis marxinado” e engadiu que elo “parece que forma parte desa estratexia, que tantas veces teño denunciado, destes Gobernos, central e autonómico, de non investir en Lugo en nada que  signifique un avance para esta cidade”.

Luis Álvarez fixo estas declaracións na rolda de prensa na que compareceu para informar sobre os asuntos que tratou hoxe a Xunta de Goberno Local.

O Goberno local aprobou hoxe unha licenza de instalación e de obras para unha área de servizo na rúa San Cibrao, número 15, nas proximidades do HULA e denegou outra licenza para a construción dunha nave industrial de pranta baixa sen uso definido no parque empresarial das Gándaras ó proxectarse un retranqueo non permitido, polo que se incumpre o establecido no Plan Sectorial do Parque Empresarial das Gándaras.

Por outra parte, a Xunta de Goberno estudou o proxecto de Regulamento de recoñecemento e aplicación da situación administrativa de segunda actividade para o colectivo da Policía Local de Lugo. Trátase dun documento que recolle as medidas para o recoñecemento e aplicación da situación administrativa de segunda activiade na Policía Local no caso do persoal que cumpra uns determinados requisitos de idade ou de estado físico e tamén prevé cales son as tarefas que poden pasar a desempeñar estes policías locais na protección ou visilancia de instalacións municipais. O Regulamento quedou hoxe sobre a mesa pendente de que quede completado o expedente cun novo informe que emitirá a Asesoría Xurídica municipal.