Imprimir

O CONCELLO LEMBRA A ORIXE DAS FEIRAS NO LIBRO DA COLECCIÓN SAN FROILÁN DOS DEVANCEIROS, DO QUE É AUTOR ADOLFO DE ABEL VILELA


8/10/2014

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre, presidiu esta tarde a presentación do libro “A orixe das feiras, das exposicións e dos concursos”, de Adolfo de Abel Vilela, que é o volume número 11 da colección San Froilán dos Devanceiros. No acto, celebrado no Salón de Plenos da Casa do Concello, que estivo ateigado de público, interviron o autor e o responsable da colección, Darío Xoán Cabana. 


Na presentación do libro, a Concelleira, Carmen Basadre, destacou o interese deste traballo sobre a historia das nosas festas e salientou o carácter polifacético do autor, ademais de agradecer o labor que desenvolve á fronte desta colección Darío Xoán Cabana. 

Pola súa parte, Adolfo de Abel Vilela expuxo o labor que supuxo a elaboración deste libro sobre a historia das feiras e das festas e sinalou que só foi posible facer esta revisión histórica en tan pouco tempo porque xa tiña revisadas as actas do Concello entre os anos 1544 e 1930, documentación á que tivo que engadir, entre outras fontes, o publicado pola prensa, fundamentalmente na segunda metade do século XIX.

O libro recolle información das feiras de Lugo na Idade Media e Moderna e no século XIX, tamén fai un repaso polas exposicións e concursos gandeiros e agrícolas, así como polos festexos, certames e xogos florais.