Imprimir

ROSANA RIELO PRESENTOU UNHA NOVA EMPRESA DO CEI-NODUS ADICADA Á EXPORTACIÓN DE PRODUTOS GALEGOS A CHILE


9/10/2014 Na actualidade son 30 os novos emprendedores instalados en dependencias do Centro de Empresas do Concello de Lugo

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Rosana Rielo, acompañada polo emprendedor Gabriel Marín Ossandon, presentaron unha nova empresa, Agencia Exportadora, que se instalou recentemente no CEI-Nodus e que desenvolve dende alí un traballo de asesoramento de exportacións.

Rosana Rielo explicou que “retomamos unha serie de presentacións que queremos facer de todos os proxectos creados por emprendedores instalados no CEI-Nodus que ofrecen servizos moi interesantes e cos que se poden crear sinerxias con outros empresarios”.  Ademais lembrou que dende o ano 2008 o centro de empresas axudou a crear 329 empresas e 460 postos de traballo ademais de xestionar axudas para emprendedores por un importe de 2 millóns de euros.

Neste sentido, adiantou que están todas as oficinas ocupadas e que xa son 61 as que se crearon e foron ampliando a súa empresa fora do recinto municipal.

Ademais a Concelleira incidiu en que dende o Concello se quere difundir este tipo de iniciativas porque é importante que se saiba o apoio que se dá aos emprendedores e para que eles transmitan eses proxectos de futuro cos que a cidade gaña en movemento e dinamismo económico.

Pola súa parte, Gabriel Marín, explicou que o proxecto posto en marcha dende hai tres anos é unha empresa comercial de exportación de produtos e servizos diversos con destino a Chile. Así, pretenden incentivar a exportación para fomentar o crecemento de empresas lucenses en mercados internacionais.

“A nosa política comprométenos a realizar un servizo integral de calidade e baixo coste, sempre en beneficio dos nosos clientes, apoiandoos en todos os pasos que sexan necesarios para dar o salto internacional” segundo Gabriel Marín, que ademais anunciou que “conseguimos reducir nun 98% o coste da internacionalización dos produtos”. Esta empresa instalada no CEI- Nodus xa conta con tres empresas do sector cárnico que exportan a Chile e que teñen unha facturación de 50 millóns de euros. Ademais tamén traballan con empresas do sector industrial e con empresas de servizos informáticos.