Imprimir

ESTUDANTES ARXENTINOS VISITARON A CIDADE DE LUGO DENTRO DO PROXECTO CAMIÑOS DE IDA E VOLTA DA UNESCO


21/10/2014 Este centro educativo de Bos Aires está asociado co IES Luis Seoane de Pontevedra e con elo queren lembrar os camiños da emigración entre os dous paises

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu esta mañá a visita de 30 alumnos dos IES Luis Seoane de Pontevedra e o Colexio José Hernández de Bos Aires que están facendo un intercambio enmarcado no proxecto Camiños de ida e volta.

O encontro dos dous centros educativos membros da Rede de Escolas Asociadas á UNESCO, serve para afondar nos lazos do irmanamento que a historia e a emigración fixeron medrar entre as dúas beiras do Atlántico e que simbolizan a unión de mozas e mozos. Neste intercambio os estudantes galegos e arxentinos son acollidos por familias o que lles permite coñecer directamente os modos de vida de Galicia e de Bos Aires.

López Orozco agradeceu “a amabilidade que tiveron os arxentinos como pobo ao recibir a moitos galegos que emigraron en busca dun proxecto de vida mellor” e sinalou que “nunca Galicia vos pagará o recibimento á nosa xente que por necesidade chegou alí”. Ademais tamén lembrou que “este tipo de encontros son os que fan que nos sintamos máis unidos e vexamos que non somos tan diferentes aínda que formemos parte de dous continentes”.

Esta visita a Lugo ten como finalidade coñecer o patrimonio que os romanos deixaron na cidade e asi completar a visita aos monumentos Patrimonio Mundial de Galicia.