Cargando....
Concello de Lugo
02/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo súmase á celebración do Día das Catedrais, que se conmemora este sábado


# Venres, 24/10/2014
O Concello de Lugo súmase á celebración, mañá, sábado día 25 de outubro, do VI Día Conmemorativo das Catedrais. 



O Concello da nosa cidade, que forma parte da Rede de Cidades Catedralicias, apoia esta celebración coa que se trata de divulgar tanto o valor histórico como monumental de templos como a Catedral de Lugo.

Con tal motivo, a Rede de Cidades Catedralicias difundiu o seguinte Manifesto conmemorativo: 

O Día das Catedrais, que este ano chega á súa sexta edición, debe ser un día de celebración e de aprendizaxe. E con ese espírito proponse en cada cidade asociada un amplo programa de actos coa intención de ofrecerlle á cidadanía e ás persoas visitantes a posibilidade de coñecer, máis e mellor, o que unha catedral é e o que esta representa.

De feito, a presenza dunha catedral imprime un carácter especial a unha cidade; pois, non cabe dúbida de que a catedral é sempre recoñecida como elemento representativo e simbólico de primeira orde como protagonista da paisaxe urbana e como a principal icona das cidades.

Non obstante, o xeral recoñecemento da importancia destes monumentais templos non sempre vai acompañado dun equiparable grao de coñecemento por parte da poboación; circunstancia esta que fai aconsellable a promoción de actos que favorezan un maior achegamento entre o patrimonio catedralicio e a cidadanía.

Así, conscientes desta necesidade, dende a Rede de Cidades Catedralicias, a través dos concellos e dos cabidos catedralicios que a compoñemos, institucionalizouse a celebración do DÍA DAS CATEDRAIS como medio de difundir a riqueza patrimonial cultural e espiritual reunida nestes monumentos sacros, ademais de poñer de relevo o seu indubidable carácter de museo e de centro de produción histórico-artística e de recollemento místico ao longo da súa historia.

Estamos convencidos de que, malia á súa antigüidade de varios séculos, estas fermosas moles de pedra seguen impresionando a cantas persoas as contemplan e non deixan de provocar unha indubidable fascinación, tanto a persoas expertas como a profanas, en disciplinas artísticas ou arquitectónicas.

Neste sentido, sen as nosas catedrais, as nosas cidades non serían as mesmas cidades que hoxe en día coñecemos e nas que desenvolvemos as nosas vidas diarias, pois serían unhas urbes ben distintas, xa que sen pasado e historia non hai presente.

Polo tanto, se os monumentos que hoxe vemos alzarse sobre o ceo de nosas
históricas cidades son o resultado do esforzo das e dos nosos antepasados, manteñámonos unidas e unidos por unha forza e un interese común en seguir vinculados a este colectivo asociativo que ten como obxectivo primordial o traballo da promoción e a defensa do patrimonio catedralicio como ben prezado que transmitir ás nosas xeracións futuras.

Mentres tanto, gocemos hoxe da posesión colectiva destes marabillosos bens
culturais, artísticos e relixiosos que son nosas centenarias catedrais, e acheguémonos a escoitar as súas mensaxes neste día festivo cargado dun interesante programa de actos que se están a desenvolver dentro de cada unha das cidades que actualmente compoñen esta rede de turismo cultural, na que as catedrais continúan sendo o latexo do vello corazón das cidades, ou, se o prefiren, a alma das nosas cidades.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova