O Alcalde participa na entrega dos vídeos gravados pola Fundación TIC no Comercio na rúa e a Noite Aberta
# Mércores, 29/10/2014
O Alcalde, José López Orozco; a patroa da Fundación TIC, Regina Polín, e a presidenta da Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo, Nora Real, participaron esta tarde no acto no que a Fundación TIC, dependente da Deputación, entregou ós comercios participantes os vídeos editados polos alumnos de Realización e Produción da Escola de Imaxe e Son (EIS) coas gravacións da IV e V edición do Comercio na rúa e a V Noite Aberta, que organizou este ano a Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo.
O material audiovisual recolle as gravacións realizadas polo alumnado da EIS durante os eventos organizados pola Asociación de Autónomas, coa colaboración do Concello, o que lles permitiu levar a cabo unha vez máis prácticas profesionais en situacións e escenarios reais.
Durante as dúas edicións do Comercio na rúa, celebradas en marzo e setembro, os estudantes da TIC, baixo a supervisión dos docentes, saíron coas cámaras a rúa para filmar o ambiente e a actividade dos establecementos participantes. O pasado día 3 de outubro, repetiron a experiencia durante a V Noite Aberta para gravar o desfile de moda que presentou a cantante Lucía Pérez, e dar cobertura ós espectáculos e actuacións musicais nas tendas e nas calles. Ademais, un dos equipos realizou unha ampla reportaxe fotográfica do evento.
Posteriormente, os alumnos da EIS editaron un vídeo coas gravacións realizadas ó longo das tres xornadas, e reportaxes que contribuirán á promoción dos establecementos participantes e do comercio lucense en xeral.
Compartir: