Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello organiza unha Xornada que pechará o proxecto Muralla Digital


# Martes, 11/11/2014
Terá lugar o 21 de novembro, no MIHL, e contará coa participación de representantes de todas as institucións participantes neste proxecto transfronteirizo liderado por Lugo

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Concello de Lugo, a Universidade de Santiago, as Cámaras municipais de Valença, Monçao e Melgaço, o INEO e o Centro de Computaçao Gráfica Azurém traballaron no proxecto para a creación dunha rede de cidades amuralladas de Galicia e o Norte de Portugal
 
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou hoxe a Xornada final do proxecto “Muralla Digital”, que se vai celebrar o venres día 21 de novembro e que suporá o peche oficial do referido proxecto. 

Carmen Basadre explicou que a finalidade principal desta Xornada é dar a coñecer á cidadanía en xeral o traballo desenvolto por todos os socios durante os tres anos que durou o referido proxecto. No caso de Lugo, neste tempo realizáronse obradoiros de formación; un estudo evolutivo sobre a cidade de Lugo, en colaboración coa Facultade de Humanidades e labores de investigación, recopilación e dixitalización documental, tanto nos arquivos municipal e provincial como nos de Alcalá de Henares e Simancas, e tamén se fixeron fotografías da Muralla e doutros monumentos. Unha vez concluído ese traballo de investigación, elaboráronse diversas ferramentas para a difusión do noso patrimonio como un xeoportal, aplicacións móbiles e vídeos interactivos que se    amosarán nos museos municipais.

O Coordinador do proxecto, Rubén Álvarez, explicou que na Xornada os representantes dos socios do proxecto “Muralla Digital” exporán as accións realizadas e os resultados xerados no mesmo. Neste senso, na xornada da mañá, o coordinador técnico do proxecto “Muralla Digital” explicará aos asistentes en que consistiu dito proxecto nas súa liñas xerais, para despois os socios tecnolóxicos: Centro de Computação Gráfica Azurem e INEO falarán dos productos audiovisuais e multimedia desenvoltos. Xa pola tarde, os socios territoriais tratarán das súas respectivas cidades/vilas, expoñendo os traballos realizados a nivel de estudos evolutivos, recopilación documental…

O proxecto “Muralla Digital” é un proxecto europeo cofinanciado nun 75% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP), que ten como obxetivo principal a creación dunha rede de cidades amuralladas de Galicia e Norte de Portugal que aposten pola xestión conxunta para a valorización do seu patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico a través das novas tecnoloxías da información e da comunicación.

O seu partenariado está formado polos seguintes socios: Concello de Lugo, que liderou o proxecto; Universidade de Santiago de Compostela, INEO (Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación), Centro de Computação Gráfica Azurém (Universidade do Minho), Câmara Municipal de Valença, Câmara Municipal de Monção e Câmara Municipal de Melgaço. O seu prazo de execución comezou o 2 de novembro de 2011 e rematará o 31 de decembro de 2014.

A participación nesta xornada é gratuíta, previa inscrición, cuxo prazo remata o 20 de novembro. Para inscribirse pódese chamar o teléfono de contacto (+34) 982180020 ou facelo a través do e-mail infoarrobamuralladigital.eu.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova