Imprimir

O ALCALDE VISITA A RODAXE DA MINISERIE HOTEL ALMIRANTE QUE SE ESTÁ GRAVANDO NA CIDADE DE LUGO


17/11/2014 A Casa do Concello, o Círculo das Artes e as rúas do centro da cidade son escenarios do telefilm baseado na novela da escritora lucense Marta Rivera

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, visitou este luns a rodaxe na cidade da miniserie Hotel Almirante, baseada na novela da escritora lucense Marta Rivera, presente no acto, xunto co Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro.

A gravación, que se leva a cabo en diferentes zonas do centro de Lugo, continúa ata o 26 de novembro, onde traballa un equipo de 150 persoas, 40 delas profesionais e o resto figurantes.

Espazos destacados da cidade como son a Casa do Concello, a Praza Maior, ou o Círculo das Artes, transformado no establecemento hoteleiro que dá nome á película, as rúas do Casco Histórico e as dependencias da Escola de Imaxe e Son de Lugo son os escenarios desta miniserie, de dous capítulos de 90 minutos de duración, dirixida por Antonio Cuadri.

Na cidade galega de Ribanova, aparece en 1948 o cadáver dunha moza nunha habitación dun hotel rexentado por Rosalía Leal. As primeiras evidencias da policía confirman que se trata dun suicidio, pero a publicación no xornal local dunha carta da suicida, implican sentimentalmente a Javier, pertencente a unha poderosa familia da cidade, os Aldao, pero enfrontado politicamente ao seu pai por ter militado no bando republicano. Estes sucesos e a chegada á cidade de Javier Aldao, desencadearán a trama.