Imprimir

O CONCELLO DE LUGO ANUNCIA UNHA NOVA EDICIÓN DO PROGRAMA DE HORTOS ESCOLARES NESTE CURSO 2014/2015


27/11/2014 En xaneiro comezarán as actividades pedagóxicas na que participan todos os colexios públicos de Lugo e dúas das escolas infantis municipais

A Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñóz, informou esta mañá que neste curso 2014/2015 haberá unha nova edición do programa de hortos escolares dirixido a nenos e nenas de educación infatil.

Esther Muñóz sinalou que grazas ao esforzo do Concello de Lugo a partir de xaneiro todos os colexios públicos e dúas das escolas infantis desenvolverán este programa que trata de achegar aos nenos e nenas de educación infantil ao contorno natural, formando parte dos ciclos naturais e intervindo nos mesmos de xeito directo e activo.

“Este programa é un dos que máis éxito ten e que solicitan todos os colexios xa que se leva realizando dende hai 13 anos cunha boa aceptación entre os nenos de 3 a 5 anos” segundo explicou a responsable de Educación.

As actividades pedagóxicas e o traballo nas aulas comezan o 12 de xaneiro en todos os colexios públicos de Lugo e dúas escolas infantis xa que esta actividade está deseñada para nenos e nenas de Educación Infantil. Ademais o horto é o marco idóneo para traballar as liñas transversais, especialmente a educación ambiental, pois teñen cabida temas como o consumo, a alimentación, o lixo ou a saúde e nel pódense facilitar aprendizaxes útiles para o desenvolvemento social do alumnado dentro e fora do marco educativo.

Durante o curso pasado e debido a aplicación da Lei de racionalización e sostenibilidade da Administración Local aprobada polo Goberno de Rajoy e na que restaba competencias ás entidades municipais, o Concello de Lugo non puido levar a cabo dita acción.