Imprimir

O CONCELLO CONMEMORA O XIV ANIVERSARIO DA MURALLA COMO PATRIMONIO MUNDIAL COA ESTREA DO HIMNO ANEL DE PEDRA


30/11/2014

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presidiron esta tarde os actos organizados polo Concello para conmemorar o XIV aniversario da declaración da Muralla romana como Patrimonio Mundial pola UNESCO.
 
O acto central tivo lugar esta tarde no Círculo das Artes e consistiu nun Concerto Conmemorativo no que se estreou o himno da Muralla, titulado Anel de Pedra e que foi  composto polo músico Abraham Cupeiro.

O concerto comezara con tangos de Carlos Gardel e Astor Piazzola, interpretados polo grupo Lucus Ensemble, dirixido por Alejandro Troya, e nunha segunda parte tocaron o Concerto para violonchelo e orquestra de Friedrich Guida.

Deseguido proxectouse un vídeo conmemorativo, titulado Onte e hoxe da Muralla de Lugo, no que se fai un percorrido pola historia do monumento e que foi montado dentro do proxecto europeo Muralla Dixital.

A actividade rematou co Concerto de Abraham Cupeiro e Ensemble dos Sons Esquecidos.

Tamén hoxe, celebrouse outro acto conmemorativo, organizado pola Cruz Vermella e o Grupo El Progreso. O acto Aniversario solidario 150 anos da Cruz Vermella, que tivo lugar nos accesos e sobre o adarve da Muralla, consistiu no alumeado do monumento con luz vermella e o reparto de paraugas da mesma core os donativos recadados foron destinados á Cruz Vermella.

Dentro destes actos conmemorativos tamén se inclúe unha exposición de fotografía de La Voz de Galicia Un año de Voz 2014  no que aparecen varias imaxes da Muralla de Lugo, instalada dende o venres na rúa da Raíña.