Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Xustiza rexeita as pretensións dunha empresa que lle reclamaba 630.000 euros ó Concello de Lugo por un convenio urbanístico


# Mércores, 10/12/2014
Pretendía o pago dunha compensación co argumento de que o novo PXOM lle fixera perder aproveitamento de uso residencial pero o Xulgado, igual que o Concello, nega que se lle causara ningún perxuizo

A Xustiza avala, unha vez máis, as teses do Concello de Lugo e o bo facer dos empregados municipais, nunha sentenza na que lle dá a razón ós técnicos municipais de Urbanismo e dá por bos os razonamentos da Asesoría Xurídica da Administración local.
 
Neste caso, o Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 vén de ditar unha sentenza que lle dá a razón ó Concello de Lugo nun pleito no que unha empresa lle reclamaba á Administración municipal unha compensación económica por importe de 631.547,87 euros.

Para o Goberno local, este fallo xudicial proba, unha vez máis, que no Concello de Lugo fanse ben as cousas, evítase favorecer intereses privados e pelexamos por aforrarlle cartos ó erario público.

Dacordo coa sentenza, a empresa Castañer y Castañer S.L. presentou unha reclamación de responsabilidade patrimonial por ese importe económico e alegaba o incumprimento dun Convenio urbanístico que se fixo no seu día para a eliminación dun tapón urbanístico na Avda da Coruña.
 
A empresa fixo unha reclamación de responsabilidade patrimonial co argumento de que se incumpriu o convenio porque, segundo argumentaba, o aproveitamento para uso residencial é sustancialmente menor como consecuencia do cambio de Plan Xeral.
 
Pola contra, o Concello defendeu que non houbo incumprimento ningún do convenio porque nel garantíase o uso residencial e as entreplantas non tiñan ese uso, nin antes nin agora.
 
Tal e como dí a sentenza, "as entreplantas, conforme co Plan de 1990 non podían ter un aproveitamento de uso residencial, que estaba expresamante prohibido. En consecuencia, a eliminación nas determinacións do Plan de 2011 da posibilidade construtiva da entreplanta non afecta en absoluto ao convenio, porque xa na vixencia do Plan de 1990 non podía computarse a superficie de entreplanta como aproveitamento de uso residencial, que é a garantía que establece o covnenio. O aproveitamento para uso residencial vese así completamente respectado, porque nunca tivo dereito a este uso na entreplantta, de aí que a súa desaparición non lle supoña unha merma de dereitos ou expectativas".
 
A sentenza tamén lle impón as custas do procedemento á parte demandante.
 
Para os especialistas en Dereito, hai, ademais, outro aspecto de moita relevancia neste fallo xudicial xa que o Xulgado tamén lle dá a razón ó Letrado municipal e considera que a vía para formular esta demanda, en todo caso, debera ter sido unha reclamación de tipo contractual e non patrimonial, xa que, no caso de haber esa responsabilidade, sería polo incumprimento dun convenio por unha das partes.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova