O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañados por Diego e Sergio Vallejo fixeron entrega dos diplomas aos catro alumnos becados que participaron nos dous curso de copilotaxe organizados dende a área de Xuventude.
Estes catro participantes, entre os que se encontra unha muller, foron os seleccionados despois de realizar as clases teóricas e as prácticas nun circuito pechado para acompañar como copilotos a Sergio Vallejo nalgunha das competicións nas que participa.
López Orozco destacou que “é un honor contar neste curso cos irmáns Vallejo” que ademais de “extraordinarios deportistas son un exemplo de boa xente, unha faceta que destaca por riba da súa condición de campións”. Neste sentido, o Alcalde, manifestou que lle gustaría que “fosen un exemplo para todos nós e para os mozos e mozas que asistiron ao curso á hora de manipular vehículos xa que, por riba de todo, está o cumprimento das normas de circulación e para correr os circuitos pechados”.
Pola súa parte, a Concelleira de Cultura, sinalou que é probable que ante a gran demanda que tivo este curso se volva a repetir durante o ano 2015 ademais de lembrar que esta actividade dirixida a mozos e mozas da cidade está financiada a través dos fondos do Plan Nacional sobre Drogas.