Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello lidera un ambicioso proxecto medioambiental para Lugo que aspira a obter financiamento europeo do programa Life


# Martes, 16/12/2014
López Orozco, Besteiro e Javier Bueno presentaron Lugo + Biodinámico, proxecto no que colaboran Concello, Deputación e Universidade

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Lugo + Biodinámico inclúe novidosas accións para desenvolver un urbanismo máis sostible e para un mellor aproveitamento da nosa riqueza forestal

O proxecto, cun presuposto total de 3,7 millóns de euros, desenvolveríase en dúas zonas do Norte de Lugo
 
O Alcalde, José López Orozco; o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo da USC, Javier Bueno Lema, presentaron hoxe o proxecto Lugo + Biodinámico que opta a financiamento da Unión Europea a través do plan Life. No acto, celebrado esta mañá na Casa do Concello, tamén estiveron presentes os Concelleiros de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, e de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, así como o Xerente da empresa municipal Evislusa, Benigno Jauregui; o Profesor da Escola Politécnica e Director do Master de Construción de Madeira, Manuel Guaita, e o Catedrático da Politécnica Antonio Rigueira.

O Alcalde explicou que, con esta iniciativa, o Concello pretende que Lugo lle faga fronte ós retos que plantexa o cambio climático e trátase de traballar no horizonte que se marcha a Unión Europea para acadar 0 emisións de CO2 no ano 2050. Para elo, o proxecto Lugo+Biodinámico aposta por um novo urbanismo, non só dende o punto de vista teórico senón sobre todo cunha perspectiva práctica, explicou o Alcalde

López Orozco agradeceu a importante colaboración que lle presntan a este proxecto do Concello tanto a Deputación provincial como a USC. No proxecto tamén se conta con aportacións da Universidade Politécnica de Madrid.

Pola súa parte, o Presidente da Deputación provincial salientou que esa colaboración entre administracións, que non é unha novidade en Lugo porque tamén se puxo en práctica con éxito no Plan Urban, é un dos aspectos positivos que terán en conta os avaliadores do proxecto.

Asimesmo, José Ramón Gómez Besteiro indicou que a colaboración económica que ofrece a Deputación para poñer en marcha este proxecto acada o 15% do orzamento previsto, que ascende a 3.704.815 euros.

O Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo tamén destacou que a unión e as sinerxias entre distintas institucións axudan á captación de recursos para un proxecto que persegue tanto a protección do medio ambiente como contribuir ó benestar dos cidadáns.

Javier Bueno explicou que neste proxecto contémplanse iniciativas punteiras como podem ser a utilización de madeira para a construción de estruturas ou a mellora das plantacións forestais. 

Un proxecto, 28 accións

O proxecto Lugo+Biodinámico opta á convocatoria de axudas do Programa Life da Unión Europea e ten un presuposto total por importe de 3.704.815 euros, dos que serían de financiación europea 1.862.889 euros; o Concello de Lugo faría unha achega de 526.220 euros, igual cantidade que financiaría a Deputación, e a contribución da USC Campus de Lugo e da Universidade Politécnica de Madrid, consistente en traballo e coñecemento, ten unha avaliación económica de 789.486 euros.

O Alcalde recoñeceu a dificultade que entraña obter á primeira a aprobación da totalidade do proxecto pero explicou que foi acollido con moito interese polos técnicos do Ministerio polo que podería darse o caso de acadar financiamento para algunha das accións previstas. En todo caso, López Orozco anunciou que o Concello insistirá no caso de non obter os fondos do Plan Life, ós que optan 500 cidades de toda Europa, nesta primeira oportunidade.

O proxecto distribúese en 28 accións que teñen os obxectivos de promover o coñecemento da potencialidade económica que pode ter para a nosa cidade a transición cara unha economía verde, a planificación urbana nunha área concreta da cidade na que se promova a aplicación de técnicas de urbanismo sostible, e a construcción dunha infraestrutura en colaboración coa Universidade de Santiago e coa participación da Universidade Politécnica de Madrid, no límite dun bosque de ribeira que se plantexa potenciar para o seu uso e disfrute pola cidadanía. É un proceso completo de posta en práctica de medidas aplicables á nosa cidade, que serva de exemplo tamén a outras cidades e que inclúe, entre outras medidas a promoción do uso de enerxías renovables.

O proxecto desenvolveríase en dúas zonas do norte da nosa cidade. Por unha parte, as medidas de planificación urbana, coas que se poría en práctica un novo modelo de urbanismo, desenvolveríanse nun urbanizable cunha superficie de 20 hectáreas situado a ambas marxes de Duquesa de Lugo, o S-1R e o S-9R, nas proximidades das Termas, onde se faría un desenvolvemento urbanístico para un barrio ecolóxico. Para o resto das accións, consistentes na creación dunha zona verde no que se construiría un edificio de madeira, escolleuse unha parcela municipal de 18,6 hectáreas situada entre os polígonos das Gándaras e do Ceao.

Entre as accións que se propoñen figuran a elaboración dun catálogo de solucións de deseño urbano, o deseño dun Plan Estratéxico de Infraestruturas Ecolóxicas, a experimentación con cultivos enerxéticos no medio urbano, o desenvolvemento de agricultura urbana de solo e altura, a plantación dun souto de castaños con variedades autóctonas, o traballo de selvicultura de fondosoas autóctonas para a produción de madeira de calidade, o establecemento dun arboretum e o deseño e execución do proxecto piloto Impulso Verde.

Tamén están previstos traballos de adaptación de sistemas construtivos con materiais autóctonos de baixa enerxía incorporada e análise doutras tecnoloxías adaptables, para o que se prevé un novo edificio construído em madeira e outros materiais sostibles dende o punto de vista medioambiental, que estará monitorizado para comprobar así o funcionamento efectivo e real deses materiais.

A vixencia do proxecto é para catro anos. Comezaría a súa posta en práctica no terceiro trimestre de 2015 e remataría no tercerceiro trimestre de 2019.
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova