Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo rexeita o acordo do PP no Parlamento galego que incumpre a Iniciativa Lexislativa Popular aprobada unánimemente pola propia Cámara para dotar ó HULA de servizos esenciais para a saúde dos lucenses


# Mércores, 17/12/2014
A Xunta de Goberno Local pronunciase contra esta revisión da ILP e levará o asunto ó Pleno municipal

Imaxe Asociada
A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo pronunciouse hoxe en contra do acordo tomado este martes polo Parlamento galego, só cos votos do Partido Popular que incumpre o establecido na Iniciativa Lexislativa Popular que a propia Cámara aprobara por unanimidade para que a Xunta de Galicia dote ó Hula de tres servizos esenciais para a saúde dos lucenses, Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica, e que reclama a sociedade lucense.

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, fixo público o pronunciamento da Xunta de Goberno Local, no que se expresa o rexeitamento desta revisión da ILP e anúnciase a presentación dunha moción no Pleno municipal “para defender, unha vez máis, que os lucenses temos os mesmos dereitos á saúde que o resto dos cidadáns de Galicia”.

Luis Álvarez manifestou, na súa comparecencia na rolda de prensa deste mércores,que “o PP desvirtuou onte de forma inadmisible o contido da ILP que se aprobara na Cámara de forma unánime”.
Censurou, ademais, Luis Álvarez, o comportamento do Voceiro municipal do Partido Popular e deputado autonómico, Jaime Castiñeira, que actuara como portavoz popular no Parlamento cando se aprobou a ILP pero onte non deu a cara para explicarlles ós veciños o cambio de posición do seu partido. Castiñeira só falou onte porque se deu por aludido nas outras intervencións e coas súas palabras acabou xenerando unha tensión tal no Parlamento que a propia Presidenta se viu obrigada a suspender a sesión plenaria.
“Non sabemos se foi por covardía de Castiñeira ou por falta de confianza do PP na súa capacidade”,  declarou Luis Álvarez, quen aludiu tamén ó debate aberto polo liderado do PP provincial e destacou o “silencio sepulcral do señor Castiñeira, seguramente agardando que algo lle toque na pedrea”.


Declaración da Xunta de Goberno

O texto do pronunciamento do Goberno do Concello de Lugo é o seguinte:
A Xunta de Goberno Local do Conencello de Lugo, diante dos graves acontecementos ocorridos onte no Parlamento Galego, manifesta, no nome dos cidadáns de Lugo, o seu absoluto rexeitamento de calquera medida que recorte os dereitos dos lucenses especialmente en materia de saúde que é o primeiro dereito fundamental de todo ser humano. Todas as persoas nalgún momento da nosa vida necesitamos facer uso de servizos sanitarios esenciais como os que reclamamos os lucenses para o HULA.

Para a Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo, constitúe un feito insólito e da máxima gravidade o que onte se cometeu no Parlamento Galego coa modificación unilateral da vontade popular, expresada no seu día por máis de 40.000 sinaturas que avalaron a Iniativa Lexislativa Popular e que fora refrenda nun pronunciamento unánime da Cámara Autonómica.

Consideramos moralmente reprobable que os votos dun só partido político, por moito que éste teña a maioría dos deputados no Parlamento, torzan a vontade de máis de 40.000 lucenses que deron apoio á Iniciativa Lexislativa Popular que puxo en pé o tecido social, grazas o xeneroso esforzo que levaron a cabo durante moito tempo asociacións veciñais e diversos colectivos cidadáns, ós que a cidade de Lugo lles manifesta neste momento de novo o seu agracedemento e apoio pola defensa a ultranza e sen fisuras do dereito á saúde pública que reclamamos os lucenses de ben, para nós e para todos os que precisen destes servizos sanitarios.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo acorda presentar unha moción no Pleno desta Corporación para defender unha vez máis que os lucenses temos os mesmos dereitos á saúde que o resto dos cidadáns de Galicia.
Outros acordos

A Xunta de Goberno Local tamén acordou hoxe a imposición de penalidades á empresa adxudicataria dos traballlos de mantemento e conservación de instalacións deportivas dentro Plan SELFE 2013 por importe de 1.283,20 euros polo incumprimento dos compromisos relativos ó incremento do volume de man de obra na execución do contrato, así como polo incumprimento das condicións especiais de execución. Tamén se acordou a incautación da garantía definitiva por importe de 556,76 euros e reclamar do contratista o pagamento de 726,44 euros para responder da totalidade da penalidade imposta xa que que a garantía constituída non é abondo.

O Goberno local sanciona deste xeito o feito de que un dos traballadores que a empresa estaba obrigada a contratar entre persoas desempregadas cunha antigüidade de seis meses no paro non aparece como demandante na Oficina de Emprego e a adxudicataria tampouco cumpriu ese requisito de levar alomenos seis meses inscrito no paro no caso doutro traballador que ofreceu contratar a maiores, como mellora, na oferta coa que se fixo coa adxudicación do contrato.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova