Cargando....
Concello de Lugo
01/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Os Alcaldes de Lugo e Ferrol presiden os actos de San Xiao nos que se reeditou o irmandamento das dúas cidades


# Mércores, 07/01/2015
Os Alcaldes de Lugo e Ferrol presiden os actos de San Xiao nos que se reeditou o irmandamento das dúas cidades

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

Os alcaldes de Lugo, José López Orozco, e de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiron hoxe os actos oficiais de San Xiao, patrón da cidade departamental, coa entrega  entrega das distincións Ferrolán do Ano 2014 e Insignias de Ouro da Cidade, acto que se celebrou no Teatro Jofre que que tamén serviu, un ano máis, para renovar os lazos de amizade que unen ás dúas cidades. Por iso, unha representación do Concello de Lugo, encabezada polo Alcalde, que estivo acompañado por outros membros do Goberno como o primeiro Tenente de Alcalde, Luis Álvarez, e a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, xunto con outros membros da Corporación participaron nestes actos institucionais. 

Nesta edición, o galardón de “Ferrolán do Ano” recaeu en cinco centros educativos da cidade: o Colexio Compañía de María, o IES Sofía Casanova e os CEIPS Recimil, Manuel Masdías e San Xoán de Filgueira; mentres que as Insignias de Ouro de Ferrol foron a parar ás mans do Club de Prensa, a Delegación de Ferrol do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, así como da Escola de Hostalería da Armada.

López Orozco destacou as capacidades do sector naval ferrolán e festexou que “moitas das reivindicacións que temos feito nos últimos anos se vaian cumprindo”. Nesta liña, López Orozco apuntou a necesidade  de ”converter estes estaleiros no que foron antano porque daredes riqueza non só a Ferrol, senón aos que estamos preto de vós e consideramos a Ferrol como o noso porto”.

López Orozco lembrou que as Corporacións de Lugo e Ferrol xúntanse dúas veces no ano, no San Froilán e o San Xiao, “dúas cidades distintas pero non distantes reúnense e danse ánimos para seguir loitando” e desexou que tanto Lugo como Ferrol, xunto con Galicia e España, “poidan desenvolverse dentro de Europa” e aproveitou para reclamar un cambio de rumbo nas políticas da Unión Europea ó pedir que a UE “esperte dese soño que tanto dano nos está facendo a todos”.

O Alcalde de Lugo tamén destacou que a transparencia e o “comportamento ético e moral que debe primar en todo aquilo que rodee á política”. “Os cidadáns teñen dereito a saber en que se inviste todo o diñeiro público”, declarou López Orozco.

Pola súa parte, o Alcalde de Ferrol, destacou a capacidade do pobo ferrolá “para sobrepoñernos ás adversidades e soñar co futuro de Ferrol e dos nosos fillos”, e esixiu da Administración central un maior compromiso co naval. “Nós poñeremos todo o noso coñecemento adquirido ao longo de centos de anos e todo o noso traballo, pero tamén esiximos aos que gobernan a corporación pública dos nosos estaleiros que nos deixen facer”, manifestou.

Antes de rematar o seu discurso, Rey Varela reclamou esforzo “para gañar o futuro de Ferrol e defender as nosas cousas positivas como facemos o día de San Xiao” e comportamentos éticos intachables para aqueles que teñen responsabilidades públicas. “Neste ano que pasou a todos nos causou repugnancia o uso inaxeitado dalgúns que dicían ser representantes públicos cando o único enriquecemento persoal dun representante público debe ser a satisfacción do deber cumprido”, sentenciou.

Os galardóns

No que atinxe aos premiados desta edición, no caso da distinción de Ferrolán do Ano, foron o Colexio da Compañía de María e o IES Sofia Casanova, en recoñecemento ás súas comunidades educativas polo seu exemplo de esforzo e dedicación  na  formación de tantas xeracións de ferroláns, e os Centros de Educación Infantil e Primaria Recimil, Masdías e San Xoán, como homenaxe á súa dedicación en favor do alumnado procedente das minorías étnicas. Recolleron o premio os directores de cadanseu centro educativo: Juan Vidal Fernández, Laura Suárez Llano, Victoria Suárez Taibo, Oscar González e Amparo López Romalde, respectivamente.

No caso das Insignias de Ouro, foron para o Club de Prensa de Ferrol (pola importancia dos seus valores de relación coa cidade, cos medios de comunicación e coa liberdade de expresión), a Escola de Hostalería da Armada (polo seu labor de formación de militares profesionais de hostalería que serven nas dotacións dos buques e unidades da Armada Española) e o Colexio de Arquitectos-Delegación de Ferrol (por defender os valores da arquitectura en Ferrol e a irmandade coa cidade de Lugo). Os encargados de recoller as distincións foron Siro López como presidente do Club de Prensa; Fernando Poole Quintana, Comandante Xefe da Estación Naval de A Graña, pola Escola de Hostalería, e Ramón Montero Cereijo, pola Delegación de Ferrol do COAG. O acto rematou coa tradicional degustación do arroz con leite
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova