Imprimir

A MOSTRA DE TEATRO CLÁSICO DE LUGO CHEGA A SÚA DÉCIMOQUINTA EDICIÓN CON NOVIDADES GASTRONÓMICAS


8/1/2015 O programa inclúe once representacións de obras no Auditorio municipal e traerá a Lugo a actores como Charo López, Cristina Castaño ou Javier Gurruchaga

Este ano mantéñense os prezos das entradas sendo a máis alta de 10 euros ademais tamén se realizarán descontos para desempregados, xubilados, e menores de 30 anos

Un das novidades será que cada obra terá unha tapa específica que se poderá degustar en once establecementos diferentes da cidade


A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre presentou hoxe a XV Mostra de Teatro Clásico de Lugo que traerá á nosa cidade unha selección dos mellores espectáculos de teatro clásico e a actores de renome como Charo López, Cristina Castaño, Javier Gurruchaga ou Evaristo Calvo e Victor Mosqueira.

Basadre salientou que “esta Mostra xa é un clásico nos circuitos teatrais de Galicia e incluso está recoñecida a nivel nacional” e explicou que “este ano ademais de bo teatro tamén queremos promocionar a gastronomía da cidade coa colaboración de once establecementos hostaleiros”.  Todas as funcións terán lugar ás 20.30 horas, agás o espectáculo familiar do domingo 8 de febreiro que terá lugar ás 18.30 horas.

Neste sentido,  tamén anunciou que os prezos se manteñen como na edición anterior, na zona A 10 euros e na zona B 8 euros e que contarán con desconto do 20% para persoas desempregadas, menores de 30 anos ou pensionistas. As obras para público familiar van ter un prezo único de 5 € e non entrarán nos bonos. Ademais establécense bonos para nove representación que custan entre 40 e 50 euros.

Unha das grandes novidades é no sistema de venda de entrada xa que se poderán mercar a través da web entradaslugo.es  ou no propio Auditorio Gustavo Freire. Nesta edición os bonos só se poderán mercar a través do portal web entradaslugo.es entre os días 9 e 15 de xaneiro. No caso das entradas poderanse mercar dende o 17 de xaneiro ata 3 horas antes do comezo de cada función na web entradaslugo.es e no auditorio, os venres entre o  9 de xaneiro e o 27 de febreiro, das 18.00 ás 21.00 horas e o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo sen necesidade de acudir a buscalas no Centro de Interpretación da Muralla. As persoas que adquiran entrada con desconto deberán acreditarse na porta de acceso.

O programa
A XV Mostra de Teatro Clásico de Lugo comezará o xoves 22 de xaneiro coa obra Ojos de agua, que poñerá en escena a compañía Emilia Yagüe Producciones, baixo a dirección de Yayo Cáceres e coa interpretación de Charo López.

O sábado, día 24 de xaneiro, Teatro Meridional representará Romeo, dirixido por Álvaro Lavín e coa interpretación de Bernabé Fernández, Alex Barahona e Javier Hernández.

Para o xoves 29 de xaneiro está programada a representación de Matar al rey (Un thriller medieval na Castela do século XV, a cargo da compañía Arden Producciones, baixo a dirección de Chema Cardeña e cun plantel de actores formado por Jose Carlos Garés, Rosa López, Chema Cardeña, Iria Márquez e Jaime Vicedo.

O sábado 31 de xaneiro a compañía Teatro Corsario, presenta Clásicos Cómicos entremeses de burlas dirixido po Jesús Peña e con actores como Luis Miguel García, ou Anahí var der Blick.

O domingo 1 de febreiro a compañía Os monicreques de kukas e zoar ensemble, representarán unha obra para público familiar baixo a dirección de Isabel Rey e Kukas, que porán en escea  A frauta máxica no maxín, revisión da ópera de Mozart para monicreques de fíos e quinteto de vento. Será ás 18.30 horas.

A Compañía TDM Compañía Teatro de la Danza presenta a obra El lenguaje de tus ojos o el príncipe travestido dirixido por  Amelia Ochandiano e que conta con actores como Cristina Castaño, Itziar Atienza, Jacobo Dicenta, Iker Lastra, Juan Gea e Beatriz Bergamín. Será o sábado 7 de febreiro.

O domingo 8 de febreiro volverá a haber unha obra para público familiar. Trátase de posta en escea de 1,2,3 Macbeth ,da compañía Anem Anant Teatre e será ás 18.30 horas.

O xoves 19 de febreiro, a compañía Voadora, escenificará o A Tempestade de William Shakespeare, dirixida por Marta Pazos e coa actuación dos actores Hugo Torres, Olalla Tesouro, Fernando Epelde, Diego Anido, Borja Fernández, Guillermo Weickert, José Díaz, Iván Marcos e Sergio Zearreta.

Bobas & Galegas, Mofa & Befa no Século de Ouro, será a obra que representará a compañía Producións Teatrais Excéntricas o sábado 21 de febreiro. Esta comedia está dirixida por Quico Cadaval e conta cos actores Evaristo Calvo e Victor Mosqueira.

O xoves 26 de febreiro porase en escea Pluto de Aristófanes  a cargo da compañía Pentación e dirixida por Magüi Mira. Conta con actores como Javier Gurruchaga, Marisol Ayuso, Marcial Álvarez, Jorge Roelas, Ana Labordeta, Juan Meseguer, Sergio Otegui, Toni Miso e Cayetano Fernández.

A Mostra rematará coa posta en escena de La flaura mágica, variaciones dei Furbi, adaptación da ópera de Mozart, a cargo da compañía Dei Furbi. Este espectáculo conta coa dirección de Gemma Beltrán e a interpretación de Robert González, Queralt Albinyana, Anna Herebia, David Marcé, Albert Mora e Llorenç González.

Teatro Clásico+ Puro Sabor
A Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, tamén destacou que a novidade desta mostra é que “mesturamos teatro e gastronomía” xa que once restaurantes da cidade crearán unha tapa especial para cada unha das obras teatrais e que se poderán degustar entre o 22 de xaneiro e o 28 de febreiro. Os establecementos participantes son:

- Restaurante Campos cunha tapa de Empanada negra de mexillón en escabeche.
- Mesón de Alberto con Pasta fresca rechea de capón asado con curry.
- Taberna do España cunha tapa de Carrilleira de porco celta con emulsión de pataca.
- Restaurante Manuel Manuel  coa tapa Amor...E un corno!
- Restaurante Mangiarte coa tapa Silencio de Papageno
- Restaurante La Encina con A esencia de Marivaux
- Canela Bakery Coffee cunha Tosta de verduras asadas, ollo de paspallás e xuliana de ibérico.
- Arrocería Os Cachivaches coa tapa A vinganza de Próspero.
- O Mercado Street Food  cunha Fajita de lacón galego.
- Restaurante Paprica terá Lentellas con foie gras.
- Restaurante España cunha tapa Canelón de galo de curral, migas crocantes e ensalada de brotes.

O prezo da tapa é de 2 € e o público asistente poderá gozar delas de balde se son dos 50 primeiros bonos vendidos a través do portal web e os 20 primeiros adquiridos no Auditorio. Tamén poderán degustar as tapas de balde as 50 primeiras entradas vendidas a través do portal web e as 20 primeiras adquiridas no Auditorio para cada unha das funcións. En todos os casos premiaranse cun vale para cambiar pola tapa do establecemento correspondente. Os bonos e as entradas vendidos a través do portal web que resulten premiados recibirán no correo-e un aviso que deberán presentar no auditorio para poder recoller os seus vales. Este troco realizarase sempre ao rematar a función, para non entorpecer o discorrer do funcionamento da billeteira.