Imprimir

OS COMERCIANTES E HOSTELEIROS ESTÁN DACORDO COAS MEDIDAS QUE ESTUDA O CONCELLO PARA MELLORAR O MOBILIDADE NO CASCO HISTÓRICO


14/1/2015 O Alcalde anunciou que proximamente manterá unha reunión coas empresas que fan reparto na zona histórica

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, xunto con técnicos municipais mantiveron esta mañá unha reunión con diferentes asociacións de comerciantes e hostaleiros do casco histórico da cidade para presentarlles as medidas sobre mobilidade coas que traballa o Concello dende hai varias semanas e coas que “estiveron totalmente dacordo”.

López Orozco explicou que “os empresarios e hosteleiros están dacordo con esta posicion do Goberno local para evitar que pasen ao centro histórico aqueles que non teñen que pasar e que as medidas que hai xa estan funcionando agás en casos excepcionais”. Na reunión participaron representantes das Federacións de Comercio e Hostalería e das Asociacións Lugocentrum e Lugo Monumental estiveron totalmente dacordo coas medidas propostas polo Concello.

Dende o Gabinete de Tráfico estase estudando a maneira de evitar a picaresca dalgúns condutores que circulan sen permiso pola zona peonil e o casco histórico. Neste sentido, explicouselles aos asistentes á reunión a posibilidade de que os bolardos que controlan o acceso á zona peonil tanto na Porta de Santiago como na rúa Tenente Coronel Teijeiro permanezcan sempre subidos exceptuando a aqueles vehículos que vaian a usar os espazos de carga e descarga. Neste caso, o Concello facilitaríalles unha tarxeta que só lles permitirian entrar aos transportistas exclusivamente en horario de carga e descarga.

Outra das novas propostas é a instalación dun bolardo que controle o tráfico na Porta Miñá, aínda que esta opción ten máis dificultades técnicas.

O Alcalde de Lugo tamén informou que proximamente se vai a reunir coas empresas de reparto tanto de paquetería como distribuidoras de hostelería para presentarlles estas medidas e coñecer a súa opinión xa que eles teñen que desenvolver o seu traballo. En canto, aos veciños e veciñas non se vai a facer ningunha restricción nin cambio con respecto aos que teñen a tarxeta para poder acceder as súas vivendas e garaxes.