Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentada unha nova edición do programa Lugo Cultural que comeza este martes cun concerto do Trío Cassadó na Casa do Saber


# Luns, 19/01/2015
Música clásica e galega, fotografía, teatro, danza e debate serán de novo protagonistas na nova edición deste programa cultural consolidado en Lugo

Imaxe Asociada
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Vicerreitora de Servizos do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, e o Deputado da Área de Cultura da Deputación Provincial, Mario Outeiro, presentaron este luns un adianto da programación incluída no convenio Lugo Cultural 2015.

O segundo concerto do ciclo ‘Tríos de Beethoven’, a cargo do Trío Cassadó (Yulia Petrushevskaya, violín; Thomas Piel, violonchelo, e Javier Vila, piano) comeza este martes, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, a programación cultural deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural para o ano 2015 e na que se inclúen un amplo e diverso abano de actividades que prestan especial atención a manifestacións artísticas como a música, clásica e galega, fotografía, teatro, danza, ademais de reservar un espazo de seu para o coñecemento e o debate.

Camiño xa de cumprir o seu primeiro cuarto de século o convenio Lugo Cultural, un acordo de colaboración institucional que na actualidade se mantén como un referente da oferta cultural da capital amurallada grazas ás achegas financeiras que recibe do Concello de Lugo, USC e Deputación Provincial, mantén para 2015 unha programación estable e de calidade. Daquela, do mesmo xeito que en edicións anteriores, o Lugo Cultural contempla a celebración de diversos concertos de música cámara  incluídos no ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ e galega, no marco do ‘Lubicán’, ademais de achegarse á experimentación a través do programa ‘Sons Creativos’. O Festival de Teatro Universitario e o Encontro de Danza, así como os Cursos de Primavera e o Maratón Fotográfico do Campus de Lugo son outras das citas destacadas que se manteñen este ano no marco do Lugo Cultural.

O concerto de música de cámara incluído na programación de ‘Músicas a carón da Mosqueira 2014-2015’ e no que o Trío Cassadó interpretará composicións de Beethoven e Shostkovich, abre mañá o programa Lugo Cultural 2015.

‘Músicas a carón da Mosqueira” inclúe, ademais do ciclo de tríos de Beethoven, outro programa conformado por seis concertos, que se desenvolverán do 27 de xaneiro ao 15 de maio no auditorio da Casa do Saber. Nesta ocasión, ademais das cinco actuacións organizadas en colaboración coa Sociedade de Artistas, Intérpretes e Executantes AIEenRUTa-Clásicos, que ano tras ano selecciona destacados intérpretes e grupos en distintos instrumentos, ‘Músicas a carón da Mosqueira 2015’ ofrecerá tamén un concerto de ‘Lucus Ensemble’, unha formación luguesa nada a comezos de 2014 froito da inquietude musical dos seus fundadores, a violonchelista pontevedresa Cristina Nogueira e o clarinetista viveirense Santiago Noriega.

Lubicán e ‘Sons Creativos’
A oitava edición do ciclo Lubicán, a través do que se busca achegar ao público lucense a música feita por grupos galegos de diferentes estilos, comezará a súa andaina entre os meses de febreiro e marzo e contempla a celebración de catro ou cinco concertos, aínda que a súa programación está por pechar.

Nun plano musical diferenciado ao do Lubicán atópase ‘Sons Creativos’, un espazo de creación musical que aposta pola música de vangarda e pola súa difusión. Este programa, organizado polo Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS) baixo a dirección de Inmaculada Cárdenas, chegará en 2015 á súa sétima edición. O GCSUS, como en anos anteriores, está a traballar nun proxecto no que teñan cabida novos artistas galegos, ademais de músicos de distintas procedencias como Edson Zamprona, compositor electroacústico de orixe brasileiro afincado actualmente na cidade de León, ou Pedro Oliveira, da Universidade de Aveiro, a través dunha serie de concertos, intervencións de música electroacústica e propostas de arte sonora, procurando a interacción con novos  espazos da cidade, tratando de vivir lugares cotiás coma lugares da arte.

Teatro, danza, fotografía e debate
O Festival de Teatro Universitario de Lugo, que este ano acada a súa vixésima primeira edición, é outra das citas culturais xa consolidadas na cidade, que terá a comezos da primavera unha nova entrega de representacións teatrais universitarias de calidade, ademais da presentación de novos proxectos e pequenas creacións.

Tamén na primavera acadará especial relevancia a danza coa celebración do XIII Encontro Universitario de Danza Contemporánea, un espazo de residencia e de traballo no marco do que distintas compañías universitarias de danza, internacionais e galegas, presentarán as súas respectivas propostas coreográficas ao público.

O Curso de Primavera da USC retomará na súa edición de 2015 o IV Centenario do Quijote, unha temática xa abordada na primeira edición deste programa. Este foro de debate, que atopa o seu escenario e tamén os seus promotores na Facultade de Humanidades, está aberto á participación de todo o público interesado, do mesmo xeito que o Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, que se celebrará nunha data aínda por definir logo das vacacións estivais.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova