Imprimir

O CORPO DE BOMBEIROS DO CONCELLO DE LUGO ESTRENAN NOVO EQUIPAMENTO DE PROTECCIÓN PERSOAL


21/1/2015 Nos últimos meses tamén se adquiriu novos cascos máis modernos e con sistema de comunicacion

O Alcalde, José López Orozco, e o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, visitaron esta mañá as instalacións do Parque de Bombeiros para ver o novo equipamento de protección persoal que consiste en chaquetón e cubrepantalón.

En total son 51 equipos formados por unha barreira térmica con resistencia ao calor radiante con dobre peche e dobre cursos con apertura rápida e de gran resistencia. Estas cualidades permiten ao usuario retirar a prenda con rapidez unha cualidade necesaria no tipo de situacións nas que traballan.

A confección das prendas é mediante tecido de aramida antiestática e con capas antihumidade, ademais repelen os produtos químicos e teñen resistencia á penetración de líquidos, ácidos, cloro, sangue entre outros. Trátase, polo tanto, de vestiario específico para bombeiros cumprindo os requisitos da normativa europea EN 469.

López Orozco sinalou que “con esta inversión de 33.956 euros melloramos o material co que traballan estes profesionais e agardamos que non teñan que empregalo moitas veces porque significaría que non hai incendios”. Ademais tamén lembrou que nos últimos meses se cambiaron os cascos por uns cun sistema de comunicación incluido máis moderno e con linternas que permiten situar aos bombeiros cando están na extinción dun incendio.