Cargando....
Concello de Lugo
11/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello xa dispón do proxecto para a demolición subsidiaria da ampliación do cemiterio de Muxa, presupostado en 173.000 euros, co que dar cumprimento á resolución do TSXG


# Xoves, 22/01/2015
Luis Álvarez lembra que as constantes subas no recibo da luz son responsabilidade do Goberno de Rajoy

Imaxe Asociada
O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, anunciou que hoxe deuse conta á Xunta de Goberno Local dos trámites que está a facer o Concello para levar a cabo a execución subsidiaria da demolición da ampliación do cemiterio de Muxa, en cumprimento da orde dada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Luis Álvarez explicou que xa foi redactado o proxecto de demolición, elaborado polos técnicos municipais, que ten un presuposto de 173.000 euros. Outro paso é a solicitude do informe preceptivo á Consellería de Cultura, dado que as obras de demolición precisan de autorización de Cultura por mor da existencia na zona de dous elementos catalogados, a Igrexa de Santa María de Muxa e o Cruceiro de Santa María.

Asimesmo, o Concello inicia os trámites para a exhumación dos restos cadavéricos existentes nas dúas ampliacións do cemiterio nas que está previsto levar a cabo a demolición subsidiaria, que logo repercutirá a Administración local nos afectados.

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente explicou que o Concello tomou hoxe os acordos referidos “no primeiro día que nos permite a normativa, xa que os prazos legais remataron onte, vinte días despois de que recibira a notificación a última das persoas afectadas”.

Álvarez indicou que a execución subsidiaria por parte do Concello producirase no caso de que non a leven a cabo pola súa conta os propietarios dos nichos e lembrou que algúns presentaron un incidente de execución da sentencia no TSXG pero, dado que “non temos coñecemento de que o Tribunal Superior teña ditado ningún novo pronunciamento, o Concello está a dar os pasos necesarios para dar cumprimento ó auto xudicial”.
 
Revisión das facturas eléctricas

Luis Álvarez tamén manifestou que o Partido Popular pon en evidencia que critican, sen lelo siquiera, o convenio coa Deputación para que a Axencia Provincial da Enerxía revise as facturas eléctricas dos diferentes subministros do Concello, das que xa van revisadas máis do 60%, e atrévese a criticar que non baixe o consumo eléctrico cando é o goberno do PP, precisamente, o culpable das constantes subas nas tarifas da luz que, lóxicamente, repercuten no continuado aumento das facturas polo consumo eléctrico, un problema do que son ben coñecedores todos os veciños, porque o sofrimos todos os consumidores, tanto particulares como empresas e administracións públicas.

O Voceiro do Goberno local considerou que a Concelleira do PP Isabel Devesa, á que se referiu como “a miña compañeira de Corporación, pero non Concelleira do non Goberno do non sabemos se candidato pero, dende logo, non Alcalde” xa comezou a campaña eleitoral, seguramente en coordinación con membros do PP provincial, pero avisouna de que “cando un vai a guerra ten que ter a certeza de que ten munición dabondo e de que ésta funcione”.

Luis Álvarez remarcou tamén o feito de que “é moi triste que se produzan vítimas colateraris e tamén o é que acabe habendo vítimas do lume amigo” . Neste sentido, lembrou que “na provincia de Lugo hai concellos gobernados que manteñen o mesmo convenio coa Axencia Provincial da Enerxía”.

En primeiro lugar, Álvarez lembrou que no convenio non existe ningún compromiso para a revisión das facturas do gas. Tamén informou de que, dende a sinatura do Convenio, en xuño de 2014, tres funcionarios da Axencia Provincial da Enerxía están levando a cabo, semanalmente, a análise e revisión das facturas eléctricas dos diferentes subministros do Concello e xa revisaron máis do 60% das facturas, un total de 5.000.

Asimesmo, o Voceiro do Goberno local lembrou que, tal e como se estableceu no Convenio, unha vez revisadas todas as facturas eléctricas, o que permitirá ter un coñecemento en profundidade da situación actual dos diferentes subministros das dependencias municipais, alumeados públicos, etc, procederase a elaborar un informe de recomendacións por parte da Axencia Provincial da Enerxía, para levar a cabo a contratación unificada de todos os subministros eléctricos dos que dispón o Concello de Lugo.
 
Sinalización das rúas


A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a licitación, por procedemento aberto, do plan de sinalización horizontal que foi elaborado polo Gabinete de Tráfico da Policía local. Este plan divide a cidade en catro zonas e establece as prioridades de actuación nas distintas rúas. O presuposto co que sae a licitación é de case 200.000 euros e o prazo de execución de seis meses.

Outros acordos

A Xunta de Goberno local tamén concedeu licenza para a creación dun multicine con 8 salas no Centro Comercial de Abella e acordou incooar o expedente de resolución de contrato polo incumprimento das obrigas contractuais á adxudicataria e á dirección técnica das obras da Biblioteca da Piringalla. Logo da adopción deste acordo, disporán dun prazo de dez días para a presentación de alegacións.

Ademais o Goberno local acordou hoxe declarar deserto o procedemento de licitación do serviso de lacería e a apertura dun novo prazo de licitación de quince días naturais contados a partir da súa publicación no BOP.

Tamén se decidiu prorrogar por un ano o contrato do servizo de coordinación e desenvolvemento de actividades na Casa da Xuventude e na Casa da Música, O importe é de 61.128 euros, ive incluído, e aprobouse a apertura do procedemento de contratación, mediante lotes e con procedemento aberto, da subministración de papel para fotocopiadoras, material de imprenta e material de oficina non inventariable.
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova