Imprimir

O CONCELLO DE LUGO VOLVERÁ A TER O SEU DÍA EN FITUR PARA DAR A COÑECER AS EXCELENCIAS DA CIDADE A VISITANTES E TUROPERADORES


23/1/2015 O Concello de Lugo será o encargado de presidir durante todo o ano 2015 a rede de Cidades Catedralicias


O número de visitantes estranxeiros supuxo un 15% do total de visitantes en Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciaron esta mañá a presencia, un ano máis, da cidade de Lugo na Feira Internacional de Turismo en Madrid e así continuar con ese traballo de difusión turística da cidade.

López Orozco sinalou que “esta é unha das feiras máis importantes a nivel mundial de turismo e a onde acuden a maioria dos paises e cidades que teñen que algo que mostrar en materia de turismo, como é o caso de Lugo”. Esta feira é un bo escaparate para mostrar as excelencias que hai en Lugo non só culturais senón tamén gastronómicas.

Neste sentido, tamén incidiu en que “este equipo de Goberno consideramos o turismo como un ferramenta máis de desenvolvemento para a nosa cidade” sen renunciar a outros tecidos como o industrial e empresarial. De feito, as cifras de turistas aumentan e especialmente as de visitantes estranxeiros que visitan Lugo e que “é posible que teña incidencia a nosa presencia en Fitur”.

O Alcalde e a Concelleira de Cultura farán a presentación de Lugo como destino turístico o xoves 29 de xaneiro dirixido aos visitantes da feira. Así, baixo o título de La muralla romana de piedra y bytes vaise dar a coñecer ademais da historia, a gastronomía, as zonas verdes, o rural, e as actividades culturais da cidade, as novas ferramentas dixitais que se crearon para os museos e que achegan ao espectador ao Lugo romano.

Así, daranse a coñecer as novas aplicacións e traballos audiovisuais realizados dentro do proxecto europeo Muralla Dixital, que permitiu a dixitalización de documentos e a creación de videos cos que podemos coñecer mellor a historia da cidade.

Carmen Basadre, destacou os datos divulgados polo INE, no que se reflexa que durante o 2014 o nivel de pernoctacións de turistas nacionais diminuiu nun 3,6%, pero viuse compensado polo incremento de turismo estranxeiro nun 3,8%, o que supón para Lugo un 15% do total de visitantes que recibe.  En canto aos países que máis visitantes aportan a Lugo son Portugal, Francia, Alemaña e Italia, pero hai que destacar o aumento de visitantes procedentes de Estados Unidos e que xa son case o 6% do total.

Seguir facendo este tipo de actuacións, promocionando non só a cidade, senón todo o que temos como a maxia, o teatro, e as actividades durante todo o ano e que fan atractiva a nosa cidade e é o que temos que mostrar da nosa cidade para que aumenten as pernoctacións na cidade.

Ademais, dos actos propios da cidade de Lugo, o Alcalde e a Concelleira de Cultura, tamén van a asistir  o mércores 28 de xaneiro aos actos do dia de Galicia e á presentación da guia gastronómica E para comer Lugo!. Para o día 29 de xaneiro ademais da presentación da cidade de Lugo tamén asistirán ás 16.30 horas á reunión da rede de Vilas Termais da que forma parte.

Rede Cidades Catedralicias
O Alcalde tamén anunciou que durante o ano 2015 o Concello de Lugo será o encargado de presidir a rede de Cidades Catedralicias que está formada por 16 cidades españolas e que ata o momento presidia Coria del Rio en Extremadura.

Neste sentido, explicou que ten varias ideas “aínda non moi maduras” para levar a cabo en colaboración coas universidades para realizar un encontro sobre o nacemento das escolas catedralicias da Idade Media e a importancia no desenvolvemento das universidades.  Ademais de impulsar máis actos para o día das catedrais en conxunto con outras cidades.