Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo decidirá esta semana a renuncia ó contrato da ORA por razóns de interese público


# Luns, 26/01/2015
O Alcalde anuncia que se fará unha modificación da Ordenanza e licitarase de novo o servizo

Imaxe Asociada
Os técnicos municipais consideran que a rápida evolución das tecnoloxías dificulta avaliar con rigor as melloras ofrecidas a un prego feito en 2008

O Concello informará do acordo ó Xulgado do Contencioso que mandara constituir un comité de expertos


   
O Alcalde, José López Orozco, anunciou hoxe que o Concello de Lugo tomará unha decisión esta semana, na Xunta de Goberno Local, sobre a renuncia ó contrato da ORA.
 
O Alcalde, que compareceu en rolda de prensa acompañado polo Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, explicou que, tralos informes emitidos polos servizos técnicos municipais, o Goberno local ten previsto decidir este mércores sobre unha proposta, fundamentada nun informe do servizo de Enxeñería, que consiste na renuncia por razóns de interese público ó contrato, a modificación da Ordenanza Reguladora de Aparcadoiros na Vía Pública (O.R.A.) e a nova licitación do servizo.

O Alcalde avanzou que tamén está previsto dar traslado do acordo ó Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2, que foi quen ordenou a creación dun Comité de expertos para avaliar os aspectos técnicos das propostas presentadas no anterior concurso, así como retrotraer o procedemento a ese punto. Despois das múltiples xestións realizadas polo Concello e cando se lograra formar o devandito Comité de expertos, tanto a Xunta de Galicia como a Dirección Xeral de Tráfico aseguraron non dispor de técnicos con capacidade para avaliar as propostas e só o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canales e Portos aportou especialistas para a formación dese Comité, colaboración que o Alcalde agradeceu expresamente a este colexio profesional. 

O informe do servizo de Enxeñería, avalado polos servizos de Contratación e Asesoría Xurídica, plantexa que se decida sobre “a procedencia e/ou conveniencia da renuncia á celebración do contrato, dado que o procedemento se atopa nun momento que permitiría por razóns de interese público, esa posibilidade”. Tamén indica que “deste xeito poderíase redactar un novo Prego de Prescricións Técnicas Particulares que permita mellorar as condicións do contrato, en benficio do interese público municipal”.

Entre outros argumentos, este informe explica a dificultade de avaliar correctamente na actualidade algunhas das melloras ofertadas no seu día, por mor do tempo transcorrido e dados os grandes avances que se rexistraron nestes anos nas tecnoloxías así como pola evolución que experimentaron os prezos das mesmas durante este tempo.

Este informe lembra que o prego de condicións foi elaborado no ano 2008 e salienta que "avaliar con criterios técnicos/tecnolóxicos/económicos” de hoxendía algunha das melloras ofertadas polos licitadores "desvirtuaría a avaliación, pola súa descontextualización no tempo", xa que os avances das tecnoloxías fan que neste tempo variaran moito os prezos, por xemplo, dos programas e terminais informáticos e ata pode darse a circunstancia de que algúns dos elementos ofertados daquela (licenzas de software, terminais de hardware, etc...) estean neste momento descatalogados ou obsoletos.

Tamén indica o departamento de Enxeñeria no seu informe que “a readxudicación deste servizo nas condicións indicadas no prego e segundo as ofertas presentadas polos licitadores deixa sen posibilidades de modernización ó servizo”.

Considera asímesmo que “sería do máximo interese para o Concello considerar a conveniencia de retomar e aprobar, ben con carácter previo ou de xeito simultáneo, unha Ordenanza para regular o Sistema ORA”.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova