Imprimir

A CONCELLEIRA DE ECONOMÍA INFORMA NA MESA LOCAL DE COMERCIO SOBRE O PROXECTO DE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS DO CONCELLO DE LUGO


28/1/2015 Tamén se están facendo reunións cos distintos colectivos da cidade para explicarlles este proxecto e pedíndolles que informen aos seus asociados

O Alcalde accidental, Luis Álvarez, presidiu esta mañá no Salón de Plenos unha reunión da Mesa Local de Comercio. Nesta xuntanza a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Rosana Rielo, deu conta do proxecto Lugo Opina Orzamentos Participativos, a través do cal o Goberno Local reserva unha partida de 500.000 euros para que a cidadanía e os colectivos da cidade realicen propostas. Tamén decidirán cales desas ideas se levan a cabo e en que áreas se inviste ese orzamento.

Rosana Rielo indicou que “lle explicamos o proxecto a todos os asistentes á Mesa Local de Comercio, igual que estamos a facer estes días nas reunións que se están facendo cos representantes do tecido asociativo, pedíndolles que informen aos seus asociados e a tódalas persoas que queiran facer algunha proposta ou idea para facer na nosa cidade”.

A Concelleira de Economía destacou que “este proxecto o que pretende é que a cidade a construamos entre todos e todas”. Deste xeito o Concello de Lugo asume un compromiso decidido no fomento da participación veciñal na xestión da vida local, tanto dos investimentos como outros gastos que realiza a Administración municipal na cidade e na zona rural.