Cargando....
Concello de Lugo
30/05/20
NOVAS
Escoita esta páxina

As Catas e Bocatas Literarios do primeiro semestre do ano están protagonizados por escritores e escritoras galegas


# Luns, 02/02/2015
A próxima cita coa literatura e gastronomía é o xoves 12 de febreiro e terá como protagonista ao escritor Manel Loureiro

Imaxe Asociada
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou esta mañá o programa de Catas e Bocatas Literarios para o primeiro semestre do ano e do que destacou “que o 99% son escritores e escritoras lucenses e galegos”.
 
 A próxima cita coas Catas Literarias é o próximo xoves 12 de febreiro ás 20 horas e estará protagonizada polo escritor Manel Loureiro, que ademais é un dos poucos autores españois contemporáneos que conseguiu situar as súas novelas na lista das máis vendidas de Estados Unidos.

No mes de marzo, o xoves día 12, as Catas terán como protagonista á escritora galega Yolanda Castaño que presentará a súa obra poética da que destaca Vivimos no ciclo das erofanías, coa que recibiu o Premio da Crítica de Poesía Galega,  ou Profundidade de campo, que obtivo o premio El Ojo Crítico concedido por Radio Nacional de España. Ademais destacan as súas colaboracións en diferentes publicacións e en volumes colectivos.

Nesta programación tamén hai un día que baixo o nome Tres poetas en Lugo reunirá a escritora lucense Marica Campo, o poeta e ensaista leonés Antonio Colinas, e a poeta lucense Olga Novo, o xoves 9 de abril. Neste encontro os asistentes poderán conversas con tres figuras moi destacadas do panorama poético.

A escritora creadora da obra Funambulistas, Mercedes Leobalde, e gañadora da edición pasada do Certame de Relatos Curtos Anxel Fole, será a protagonista da Cata literaria do mes de maio, en concreto do día 14.

Finalmente, este primeiro semestre pechará as Catas Literarias a escritora María Reimondez, que o día 11 de xuño presentará a súa última novela Dende o conflito, gañadora do Premio Xerais 2014 e o seu último ensaio A alternativa está aquí. 

Nestas catas, ademais de literatura, tamén hai unha mostra da gastronomía lucense acompañado de viño da Ribeira Sacra. Tamén, durante o evento, haberá música a cargo de diferentes grupos da cidade.

Ademais para as persoas que queiran asistir disporán dun bus urbano gratuito para os que se queiran achegar con saída da Casa Sindical ás 20 horas e volta ás 22:15 horas.

Para poder asistir haberá que adquirir unha entrada cun prezo de 5 euros que está a venda na Biblioteca Municipal da Milagrosa (luns a venres, de 10:30 a 14 e de 16:30 a 20:00), no Centro de Interpretación da Muralla, (luns a sábado, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00), no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), (martes a sábado, de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 19:30) e na web www.entradaslugo.es  .

Bocatas con Jaureguizar e Charo Pita

Nestes primeiro meses do ano 2015 tamén haberá duas citas especiais para os máis pequenos cos Bocatas Literarios de  Santiago Jaureguizar e Charo Pita, que terán lugar en marzo e en maio respectivamente.

Asi, o primeiro Bocata Literario será a cargo do escritor e xornalista Santiago Jaureguizar o xoves 12 de marzo ás 18 horas no MIHL. Deste escritor nado en Bilbao pero residente en Galicia dende neno son moi coñecidas as súas obras de narrativa xuvenil como poden ser aventuras do reporteiro Tintimán en diferentes cidades galegas. Tamén destacan obras de narrativa dirixida a un público adulto como son Cabaret Voltaire ou Breve crónica universal da clase obreira entre outros moitos títulos premiados nos máis importantes certames de literatura.

O seguinte Bocata Literario será o xoves 28 de maio coa narradora e escritora Charo Pita que dende o ano 1994 desenvolve a súa actividade como narradora oral. Ademais tamén recibiu premios literarios e os seus dous primieros libros foron Igor e Desde Arcadia para Govinda.

Os nenos e nenas que se acheguen ás 18 horas ao MIHL poderán merendar uns deliciosos bocadillos, froita e auga mentres desfrutan dos contos e historias que lles presenten ambos narradores. O prezo da entrada é de dous euros.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova