Cargando....
Concello de Lugo
22/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Concello e Deputación van colaborar na dotación de alumeado o paseo do Rato


# Martes, 03/02/2015
López Orozco e Lara Méndez explicaron o proxecto de iluminación dun treito de paseo de máis de sete kilómetros que financiará a Deputación con 1,4 millóns de euros

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Alcalde anunciou que o proxecto difundirase na web para a presentación de suxestións e a Vicepresidenta da Deputación explicou que esta actuación é unha das peticións dos Orzamentos participativos da institución provincial


O Alcalde, José López Orozco, e a Vicepresidenta Segunda da Deputación provincial, Lara Méndez, anunciaron hoxe que Concello de Lugo e a Deputación provincial asinarán un convenio de colaboración para a execución do proxecto para dotar de alumeado o paseo do Rato.

O Alcalde lembrou que o río Rato é unha zona fluvial rehabilitada, pola que os cidadáns realizan deporte, pasean e gozan do medio ambiente que rodea a ciudad de Lugo, un paseo no que apenas hai edificacións o que o convirte nun lugar idóneo para exercer actividades de tempo libre. Sen embargo, nestes momentos non ten iluminación tanto no vial como no propio paseo, co cal a iluminación deste ámbito sería un beneficio para a cidade de Lugo e para os lucenses que queren gozar deste espazo público en horas nas cales a luz solar non o permite.

López Orozco explicou que o proxecto no que colaborarán o Concello e a Deputación para iluminar o paseo fluvial do Río Rato e da Estrada provincial que discorre ao seu carón é un proxecto de eficiencia enerxética que se pretende acometer entre a Avenida de Madrid (Casa María) e o Parque do Sagrado Corazón.

O Alcalde indicou que se actuará nun traxecto de máis de 7 quilómetros, no que se colocarán un total de 282 luminarias (143 luminarias e 3 proxectores no paseo, e 103 luminarias no vial), que, mimetizadas co entorno, permitirán mellorar a seguridade da estrada, complementando as medidas recentemente adoptadas pola Deputación.

Así, salientou o Alcalde, garantirase que todos os lucenses poidamos gozar do corazón da Reserva da Biosfera. Seguimos, pois, ampliando a utilización de espazos públicos como fixen progresivamente en todos os barrios da cidade.

A iluminación fluvial do río Rato e da estrada precisa dun orzamento de 1,4 millóns de euros, que será asumido, integramente, pola Deputación de Lugo, segundo anunciou o Alcalde que tamén informou de que o proxecto inclúe a iluminación dos accesos ao Centro de Interpretación Terras do Miño e ao Centro de Cestaría, ós que acoden miles de lucenses ao ano.

O Alcalde anunciou que, tan pronto aprobe o Convenio a Deputación, previsiblemente neste mesmo mes, o Concello exporao na páxina web municipal www.lugo.es para que o coñezan e poidan facer suxestións tanto colexios profesionais, colectivos veciñais ou cidadáns particulares. Todas as achegas serán estudadas polos técnicos da Deputación para incorporar as suxestións que se plantexen e solicitaranse as autorizacións dos diversos organismos competentes, como poden ser a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Xunta ou Begasa, para contratar logo o proxecto. Neste sentido, o Alcalde destacou que “agardamos a enteira colaboración das administracións para que os lucenses poidan gozar, canto antes, deste paseo fluvial iluminado”.

Pola súa parte, a Vicepresidenta Segunda da Deputación explicou que o proxecto de iluminación do paseo fluvial e da estrada LU-P-2925, xorde como consecuencia das peticións ao respecto realizadas polos veciños de Lugo na elaboración dos primeiros Presupostos Participativos dunha Deputación en España.
 
Lara Méndez tamén detallou que o proxecto, elaborado pola Axencia Provincial da Enerxía da Deputación de Lugo, consiste nunha instalación completamente respectuosa co medioambiente, ecoeficiente, que minimiza o impacto ambiental e que cumpre rigorosamente coas ordenanzas existentes.

Salientou, ademais, que o proxecto incorpora novidades como varios sistemas tecnolóxicos de última xeración, entre eles un software que permite regular a intensidade lumínica para aforrar custos e, ao mesmo tempo, garantir luminosidade en todo momento. Por exemplo, explicou, a intensidade da luz adaptarase ás  franxas horarias e á luminosidade ambiental nese intre.

Méndez revelou que este proxecto incorporará un sistema de seguridade por GPS totalmente novidoso nas obras da Deputación, pois conta cun dispositivo

de xeolocalización, que permitirá detectar onde se atopa o punto de luz no caso de ser substraído. O sistema antivandálico contempla, asimesmo, a substitución do cobre por aluminio para evitar roubos.

Tamén está preparado para inundacións, posto que toda a electrónica do sistema situarase a unha distancia do solo superior á habitual, tendo en conta que é unha zona inundable.

Rolda Leste

O Alcalde tamén lembrou que o paseo do Razo non é unha circunvalación senón un lugar para o paseo, aínda que moitos automovilistas o empregan para achegarse ó HULA porque a Xunta aínda ten pendente a construcción da Rolda Leste, o que supuxo que o paseo periurbano do río Rato multiplicase por sete o tráfico nos últimos anos, pasando dos 650 vehículos diarios aos máis de 4.500.

López Orozco reivindicou de novo a construcción da Rolda Leste, dende a estrada de Castelo ata a Tolda, e aproveitou para prantexarlle ó Partido Popular que inclúa esta demanda de Lugo no seu programa electoral xunto con outras reclamacións que ten a cidade e que a Xunta non dá atendido como poden ser a iluminación e desdoblamento da parte pendente da Rolda Norte, a dotación de servizos ó HULA, a construción dunha residencia para a terceira idade no Vello Hospital, a creación do Museo da Romanización ou a finalización do Plan Paradai.

“Creo que son obras moi importantes” dixo o Alcalde quen considerou necesario que “a Xunta por fin se decida a investir na nosa cidade” e tirou da ironía ó asegurar que “ó mellor por iso aquí non nos mandan ningún Conselleiro, porque en Lugo non fan investimentos”.
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova