Imprimir

A PARTIR DO 18 DE FEBREIRO OS VECIÑOS E VECIÑAS DE LUGO PODERÁN PRESENTAR AS SÚAS PROPOSTAS PARA OS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS


12/2/2015 Poderán participar todos os cidadáns empadroados en Lugo cubrindo un formulario na web do Concello ou no rexistro municipal

A Concelleira de Desenvolvemento Local, Rosana Rielo, anunciou que a partir do 18 de febreiro comeza a primeira fase dos Orzamentos Participativos na que os cidadáns de Lugo poderán facer propostas para levar a cabo na cidade.

Así, nesta primeira fase do programa Lugo Opina Orzamentos Participativos poderá participar calquera persoa empadroada no termo municipal e sen límite de idades ou calquera asociación inscrita no rexistro de asociacións do Concello que teñan interese en participar na toma de decisións da cidade.

Rosana Rielo explicou que “o que pedimos é que os propios cidadáns nos indiquen como lles gustaría distribuir eses 500.000 euros destinados a este programa e que están divididos en diferentes áreas”. As propostas poderán presentarse a través da páxina web municipal ou a través do rexistro municipal “desta maneira facilítase a todos os participantes unha maior facilidade para formar parte do proceso” segundo explicou Rielo.

As áreas nas que os cidadáns poden facer as propostoas son as de xuventude, cultura, benestar social, participación cidadá, emprendemento, promoción da lingua, educación, rural, medio ambiente, igualdade, turismo e infraestruturas.  Cada persoa pode presentar o número de propostas que queira e no número de áreas que lle interese sempre sen pasar dun orzamento de 10.000 euros, e poden ser dende a realización de cursos, talleres, actividades de ocio, deportivos, accións turísticas ou pequenos investimentos e infraestruturas.

A partir de que se peche este primeiro prazo comeza a segunda fase co estudo da viabilidade económica e técnica das propostas presentadas e que realizaran os técnicos municipais. A última fase é a de exposición pública de todas as propostas viables para que os cidadáns poidan votar e escoller aquelas que máis lles gusten e que o Concello executará.