Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello adxudica as obras do edificio de Novas Tecnoloxías, que financiará o Plan Urban cun presuposto de 330.500 euros


# Luns, 16/02/2015
A ampliación da Casa do Concello farase en dez meses e suporá un aforro do 27% respecto do prezo de licitación

A Concellería de Economía, que dirixe Sonia Méndez, informa da adxudicación das obras de construcción do edificio destinado a Novas Tecnoloxías que suporán, tamén, a ampliación da Casa Consistorial, xa que as novas instalacións municipais vanse edificar nun solar situado na praza de Anxo Fernández Gómez, na parte traseira da sede do Concello.

A Mesa de Contratación celebrada hoxe propuxo a adxudicación das obras do novo edificio cun presuposto de 330.562 euros, á empresa OREGA. O investimento suporá unha baixa respecto do prezo de licitación de 125.826 euros, cifra que representa o 27%.  A Mesa de Contratación desbotou ofertas máis baixas que presentaran tres empresas por incorrer éstas en baixa temeraria.

As obras comezarán a principios de marzo e terán unha duración de dez meses.

Este novo centro, que estará comunicado co actual edificio da Casa Consistorial, contará con dúas plantas. Na planta baixa habilitarase un espazo de atención ao público e haberá equipos informáticos inalámbricos a disposición dos usuarios, ademais de exhibirse os valiosos restos arqueolóxicos atopados durante as catas arqueolóxicas. Na primeira planta estarán as aulas de reunións que se poderán prestar para xuntanzas de emprendedores e empresarios que carezan dun espazo físico para levalas a cabo.

Na cata arqueolóxica realizada antes da construción do novo edificio atopáronse dous muros, un deles corresponde ó muro perimetral da nave central da basílica romana e outro, paralelo a este e que se usou como base para algunha estrutura non identificada.

Os restos do muro de peche da nave central da basílica romana teñen un grosor de 1,30 metros e está composto por opus caementicium, un tipo de formigón romano composto de cantos de rio e típico na zona norte, na base e por laxes de lousa na parte superior. O outro muro, máis pequeno, dun metro de anchura serviría como base para poñer un acceso ou para a instalación de estatuas.

Esta basílica corresponde cun dos varios edificios que albergaba o Foro Romano de Lugo e que era o centro de negocios ou mercado de época romana, que se sabe que tiña un ancho de 20 metros aproximadamente.

O solo da basílica está totalmente arrasado e non se atopou ningún tipo de estrato romano xa que inicialmente estaba máis alto do que está na actualidade o que conleva que non se poda datar de maneira tan precisa pero si que se sabe que debeu ser a partir da primeira metade do século I d. C, como indicou Xavier Chao.

Este descubrimento incorporouse ó proxecto do novo edificio de Novas Tecnoloxías e poderase visitar en situ ó ser a única mostra visible do Foro Romano da cidade, unha vez que finalicen os traballos de construcción do mesmo.

O proxecto de construcción do edificio de Novas Tecnoloxías é unha nova actuación en Lugo do Plan Urban, que ten un 80% de cofinanciación do FEDER da Unión Europea e ó que tamén realizan achegas económicas o Concello e a Deputación provincial.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova