Imprimir

O CONCELLO DE LUGO INVITA A TODOS OS CIDADÁNS A PARTICIPAR COAS SÚAS PROPOSTAS NOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS


18/2/2015 Poderán facelo dende hoxe ata o 28 de febreiro cubrindo un formulario na web do Concello ou no rexistro municipal

Dende hoxe está aberto o prazo para que toda a cidadanía poida aportar as súas propostas para levar a cabo na cidade dentro dos Orzamentos Participativos. O prazo estará aberto ata o 28 de febreiro e pódese participar a través da web e do rexistro municipal.

A Concelleira de Desenvolvemento Local, Rosana Rielo, invitou a todos os veciños e veciñas a participar na presentación de propostas e “facer un Lugo mellor entre todos aproveitando o potencial de toda a cidadanía”.

Dende hoxe e ata o 28 de febreiro calquera persoa empadroada no termo municipal e sen límite de idades ou calquera asociación inscrita no rexistro de asociacións do Concello poderá participar na toma de decisións da cidade a través das súas propostas de mellora. Cada persoa pode presentar o número de propostas que queira e no número de áreas que lle interese sempre sen pasar dun orzamento de 10.000 euros, e poden ser dende a realización de cursos, talleres, actividades de ocio, deportivos, accións turísticas ou pequenos investimentos e infraestruturas.

As áreas nas que os cidadáns poden facer as propostas son as de benestar social e igualdade, cultura e promoción da lingua, turismo, xuventude, deportes, emprendemento e formación para o emprego, educación, infraestruturas, seguridade viaria, medio rural, participación cidadá e servizos xerais, mercado e comercio, e medio ambiente.

A partir de que se peche este primeiro prazo comeza a segunda fase coa exposición pública da listaxe de propostas e votación das mesmas ademais de realizar un estudo da viabilidade económica e técnica das propostas presentadas e que realizaran os técnicos municipais e que o Concello executará.