Cargando....
Concello de Lugo
19/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Chega a Lugo o Showcooking Cociña Autóctona da Deputación


# Martes, 24/02/2015
A Escola de Hostalería acolleu o obradoiro de cociña, ó que asistiron o Alcalde e a Vicepresidenta Segunda da Deputación

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
 O Alcalde, José López Orozco, e a Vicepresidenta Segunda da Deputación provincial, Lara Méndez, participaron esta tarde no obradoiro Showcooking Cociña Autóctona, unha iniciativa da Deputación que pretende mostrarlle aos asistentes o potencial turístico da “cociña de proximidade”, un concepto moi recente que busca diferenciar aos restauradores que empregan maioritariamente provedores e produtos da súa zona, asegurando así a súa frescura e estado ao chegar ao establecemento, xa que non é necesario un transporte excesivo. 

O Showcooking Cociña Autóctona, chegou esta tarde a Lugo tras o seu paso por distintas localidades da nosa provincia, co obxectivo de potenciar a comercialización e o consumo dos produtos propios da provincia luguesa ao tempo que se favorece o desenvolvemento do turismo gastronómico. 

Nesta ocasión, o local encargado de acoller esta clase maxistral de cociña foi a Escola de Hostalería de Lugo, ubicada no IES Sanxillao, lugar de formación dos futuros chefs e profesionais do mundo da hostalería da provincia luguesa. Os chefs Jacobo Santeiro, Diego Martínez, Fran Fernández e Adrián Salgado, cociñeiros do restaurante O Mercado Street Food, amosáronlle aos participantes a combinar a elaboración de pratos informais cun estilo gastronómico innovador, empregando produtos autóctonos da provincia. 

Nesta masterclass, a undécima do Showcooking, os participantes aprenderán a elaborar un primeiro prato de lasaña thai de carne de raza cachena, pementos e bechamel de cilantro e un segundo de pescada curada en sal asada en folla de banano con crema de gazpacho picantes katsuobushi e pan de gambas especiado. Para rematar, os chefs prepararán semur de vaca cachena cun toque mexicano. Como en todas as anteriores xornadas, ao rematar a clase os asistentes catarán o menú elaborado. 

A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do Lug02 Provincial, está dirixida principalmente a profesionais do sector hostaleiro, entre os que se trata de fomentar o uso de produtos autóctonos na elaboración dos seus pratos diarios, aproveitando a calidade e a exclusividade dos propios de cada zona para impulsar o sector. Este xoves a Deputación pecha este ciclo de clases maxistrais de cociña no Restaurante Os Mesones de Guitiriz, onde se empregarán, ao igual que o resto da xornadas, produtos autóctonos, principalmente, aqueles que posúen a marca de calidade LugoSabe, creada polo organismo provincial, e os ofertados na 1º plataforma de comercio electrónico da provincia, tamén posta en marcha pola Deputación: www.losproductosdelugo.com 



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova