Imprimir

A CONCELLEIRA DE BENESTAR SOCIAL ASISTE Á INAUGURACIÓN DA NOVA SEDE EN LUGO DA FEDERACIÓN DE FAMILIARES E PERSOAS CON ENFERMIDADE MENTAL


24/2/2015

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, participou esta tarde, xunto co Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, na inauguración das novas instalacións de FEAFES Lugo. 


Na nova sede, situada na Ronda de Fingoi, esta entidade que agrupa ás asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental, disporá de máis espazo para desenvolver os seus servizos habituais de atención á saúde mental. Nunha superficie de 92 metros cadrados totalmente accesible, conta con tres despachos de atención a usuarios e unha sala de usos múltiples para formación.

Ao longo do ano pasado, 213 persoas beneficiáronse das accións formativas organizadas por FEAFES Lugo, 12 das cales tiveron a posibilidade de realizar prácticas non laborais en empresas. A través do seu Servizo de Orientación Laboral conseguiron ademais que 27 usuarios accederan a un posto un traballo. 

No mesmo acto, o Presidente da Deputación e da Fundación TIC asinou un convenio de colaboración co presidente da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia-FEAFES, Xosé Ramón Girón, que facilitará a usuarios da entidade a realización de prácticas non laborais no Centro de Produción de Programas da TIC.