Imprimir

O CONCELLO INVESTIRÁ CASE 190.000 EUROS NA CONSTRUCCIÓN DO ASCENSOR DO SAGRADO CORAZÓN


27/2/2015 A obra foi adxudicada hoxe cun prazo de execución de catro meses

O Alcalde asinará a semana que vén novos convenios para a cesión de terreos con destino ó futuro centro escolar
 

O Concello vai investir 190.000 euros na construcción do ascensor do barrio do Sagrado Corazón, unha obra que se realizará cun prazo de execución de catro meses.

Este importante proxecto para a mellora da accesibilidade do barrio do Sagrado Corazón, que saira a licitación cun presuposto de 223.731,48 euros, foi adxudicada hoxe pola Mesa de Contratación por um importe de 189.769 euros á empresa J. Fernández.

O Concello recibiu un total de doce ofertas no procedemento de contratación do proxecto denominado “Obras de mellora do espazo urbano e accesibilidade ó barrio do Sagrado Corazón de Lugo dende a avenida de Carlos Azcárraga”.

O proxecto, que foi redactado pola empresa municipal Evislusa, supón a construcción dun ascensor panorámico, que será acristalado, e irá instalado sobre unha estrutura metálica, e terá capacidade para transportar nunha viaxe de 8 a 12 persoas. Co elevador facilitarase o acceso ó barrio en dous niveis, un á altura da Igrexa e outro á altura do Colexio. A base será na rúa de Carlos Ázcárraga, onde terá a primeira parada; a segunda será a 6,75 metros de altura, na praza da Igrexa, e a última situarase á 10,13 metros de alto, e estará comunicada, a través dunha pasarela, coa parte alta do barrio.

A solución do elevador comezou xestarse cando se executaron as importantes obras para facilitar a accesibilidade nas vivendas desta zona, grazas ás actuacións desenvolvidas no marco da Área de Rehabilitación Integral, e nas que colaboraron estreitamente a administración e os veciños do barrio, que fixeron posible, coa súa implicación, a gran transformación que experimentou o barrio.

Novo colexio

Outro equipamento fundamental para o Barrio do Sagrado Corazón será a construcción dun novo centro escolar.

A Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente, que dirixe Luis Álvarez, segue a realizar xestións encamiñadas a poñer a disposición da Xunta de Galicia os 10.000 metros cadrados de superficie que lle esixiu ó Concello a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para construir o novo colexio.

O Alcalde ten previsto asinar a semana que vén dous novos convenios con propietarios de terreos co fin de ampliar a superficie que xa ten a súa disposición o Concello.

Ata o de agora xa foron asinados catro convenios, cos que o Concellologrou a cesión de 3.718 metros cadrados dos 10.000 que reclama a Xunta, e continúase coas xestións para obter o resto da superficie esixida pola Consellería. 

Obras de pavimentación

A Mesa de contratación tamén acordou requerir informes que xustifiquen as posibles baixas temerarias dalgunhas das ofertas presentandas noutros dous procedementos convocados para obras de pavimentación.

No procedemento de contratación mediante lotes das obras de pavimentación das rúas Mar Cantábrico, Margarida, Mercado de Frigsa e Magnolia e nos treitos do colexio de Albeiros-Ronda Norte e de Ronda Norte-Duquesa de Lugo, recibíronse un total de 24 ofertas de empresas.

Outras 20 empresas presentaron ofertas para a execución das obras de rexeneración de firmes na estrada da LU-530 ó núcleo de Castelo de Abaixo, na estrada de Recimil a Corvelle e na estrada da LU-P-2922 a Recimil.