Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde recibe ó Delegado do Goberno na primeira visita institucional ó Concello de Lugo


# Martes, 03/03/2015
López Orozco e Santiago Villanueva trataron temas pendentes como a iluminación da Rolda Norte, o proxecto do Agro do Rolo e a chegada do AVE a Lugo

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Alcalde,  José López Orozco, recibiu hoxe ó Delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva Álvarez, na que foi a primeira visita institucional ó Concello de Lugo que efectúa tralo seu nomeamento para o cargo de máximo representante da Administración xeral do Estado na Comunidade Autónoma galega.

López Orozco recibiu no seu despacho da Alcaldía ó Delegado do Goberno que acudiu acompañado polo Subdelegado, Ramón Carballo.

O Alcalde, ademais de deixar constancia do ofrecemento de cooperación institucional por parte do Concello de Lugo, informou de que no encontro as dúas autoridades falaron de actuacións que ten pendentes na nosa cidade o Goberno central.

Explicou López Orozco que se trataron asuntos, competencia do Ministerio de Fomento, como a iluminación da Rolda Norte ou o proxecto da praza do Agro do Rolo. Respecto destas dúas actuacións, o Alcalde indicou que lle remitirá un informe ó Delegado do Goberno para que estea ó tanto destes dous asuntos que ten pendentes en Lugo Fomento.

En materia de infraestruras, o Alcalde indicou que tamén lle plantexou ó Delegado do Goberno a reivindicación de que o AVE chegue a Lugo igual que ó resto de Galicia e, por outro lado, López Orozco amosou a súa satisfacción polo anuncio de que próximamente serán inaugurados tres treitos da autovía Lugo-Santiago.

Pola súa parte, Santiago Villanueva manifestou que no encontro tamén se falou da colaboración entre as forzas de seguridade do Estado coa Policía Local no marco da Xunta Local de Seguridade. En todo caso, manifestou que tanto o concello de Lugo como a provincia están entre os lugares que teñen os datos máis baixos de criminalidade de España.

A visita institucional completouse coa sinatura do Delegado do Goberno en Galicia no Libro de Honra da Cidade, no que Santiago Villanueva escribiu unha dedicatoria na que fai votos pola colaboración e cooperación entre Concello e Delegación, co desexo de que “elo redunde en beneficio de todos os lucenses e da sociedade en xeral”. No mesmo acto, o Alcalde fíxolle entrega dun agasallo consistente nun libro sobre a historia de Lugo. Posteriormente, tivo lugar unha xuntanza na que, ademais do Alcalde, o Delegado e o Subdelegado do Goberno, tamén participaron o Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, e máis o Voceiro do Grupo municipal popular, Jaime Castiñeira.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova