Imprimir

ESTE XOVES 12 DE MARZO TERÁ LUGAR O BOCATA LITERARIO CON SANTIAGO JAUREGUIZAR E A CATA LITERARIA COA ESCRITORA IOLANDA CASTAÑO


10/3/2015 Os interesados poden achegarse ao MIHL a partir das 18 horas para os máis pequenos e das 20 horas para os maiores en ambos casos tamén poderán desfrutar da gastronomia e da lectura

A Concelleria de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, lembra que o xoves 12 de marzo, haberá unha nova cita para os amantes da literatura. A partir das 18 horas comezarán os Bocatas Literarios protagonizados polo escritor Santiago Jaureguizar e a partir das 20 horas será a Cata Literaria coa escritora Iolanda Castaño.

Asi, o primeiro Bocata Literario do ano 2015 será a cargo do escritor e xornalista Santiago Jaureguizar nado en Bilbao pero residente en Galicia dende neno. Destacan as súas obras de narrativa xuvenil como poden ser aventuras do reporteiro Tintimán en diferentes cidades galegas. Tamén destacan obras de narrativa dirixida a un público adulto como son Cabaret Voltaire ou Breve crónica universal da clase obreira entre outros moitos títulos premiados nos máis importantes certames de literatura.

Por outra parte, a escritora Iolanda Castaño presentará  a partir das 20 horas a súa obra poética da que destaca Vivimos no ciclo das erofanías, coa que recibiu o Premio da Crítica de Poesía Galega,  ou Profundidade de campo, que obtivo o premio El Ojo Crítico concedido por Radio Nacional de España. Ademais destacan as súas colaboracións en diferentes publicacións e en volumes colectivos

Nestas catas, ademais de literatura, tamén hai unha mostra da gastronomía lucense acompañado de viño da Ribeira Sacra. Tamén, durante o evento, haberá música a cargo de diferentes grupos da cidade.

Ademais para as persoas que queiran asistir disporán dun bus urbano gratuito para os que se queiran achegar con saída da Casa Sindical ás 20 horas e volta ás 22:15 horas.

Para poder asistir haberá que adquirir unha entrada cun prezo de 5 euros que está a venda na Biblioteca Municipal da Milagrosa (luns a venres, de 10:30 a 14 e de 16:30 a 20:00), no Centro de Interpretación da Muralla, (luns a sábado, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00), no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), (martes a sábado, de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 19:30) e na web www.entradaslugo.es  .