Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Comezan as obras de construción do edificio de Novas Tecnoloxías que suporá a ampliación da Casa do Concello


# Xoves, 19/03/2015
López Orozco visitou as obras deste novo proxecto do Plan Urban, que supoñen un investimento de 330.500 euros

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Alcalde, José López Orozco, acompañado polos Concelleiros de Economía, Sonia Méndez, e de Servizos Xerais, Manuel Núñez, e pola Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méncez, visitou hoxe as obras de construción do edificio destinado ás Novas Tecnoloxías, un novo proxecto que se financia con cargo ós fondos do Plan Urban e que suporá a ampliación da Casa do Concello.

López Orozco destacou que, grazas ó Plan Urban, que cofinancia nun 80% a Unión Europea a través dos fondos FEDER e conta tamén con achegas do Concello e a Deputación, é posible cumprir unha vella aspiración dos alcaldes que o precederon como ampliar a Casa Consistorial co solar que ocupaban dúas casas situadas na praza de Anxo Fernández Gómez, na parte traseira do Concello.

O proxecto suporá tamén dotar ó Casco histórico dunha nova infraestrutura pública neste caso destinada a facilitar o acceso de todos os veciños ás novas tecnoloxías.

A construción do edificio das Novas Tecnoloxías conta cun presuposto de
330.562 euros, ós que hai que engadir os 495.000 euros que costaron as expropiacións e indemnizacións e outros 95.000 euros investidos na demolición e traballos arqueolóxicos.

A obra conta cun prazo de execución de dez meses e foi adxudicada á empresa OREGA.

O edificio das Novas Tecnoloxías, que estará comunicado coa Casa do Concello terá, na planta baixa, un espazo de atención ao público así como equipos informáticos inalámbricos a disposición dos usuarios, ademais de exhibirse, nela, os valiosos restos arqueolóxicos atopados durante as catas arqueolóxicas. Na primeira planta haberá aulas para reunións que poderán poñer a disposición de emprendedores e empresarios que necesiten facer xuntanzas e carezan dun espazo físico para levalas a cabo.

Na cata arqueolóxica realizada antes da construción do novo edificio atopáronse dous muros, un deles corresponde ó muro perimetral da nave central da basílica romana e outro, paralelo a este e que se usou como base para algunha estrutura non identificada.

Os restos do muro de peche da nave central da basílita romana teñen un grosor de 1,30 metros e está composto por opus caementicium, un tipo de formigón romano composto de cantos de rio e típico na zona norte, na base e por laxes de lousa na parte superior. O outro muro, máis pequeno, dun metro de anchura serviría como base para poñer un acceso ou para a instalación de estatuas.

Esta basílica corresponde cun dos varios edificios que albergaba o Foro Romano de Lugo e que era o centro de negocios ou mercado de época romana, que se sabe que tiña un ancho de 20 metros aproximadamente.

O solo da basilica está totalmente arrasado e non se atopou ningún tipo de estrato romano xa que inicialmente estaba máis alto do que está na actualidade o que conleva que non se poda datar de maneira tan precisa pero si que se sabe que debeu ser a partir da primeira metade do século I d. C, como indicou Xavier Chao.

Este descubrimento incorporouse ó proxecto do novo edificio de Novas Tecnoloxías e poderase visitar en situ ó ser a única mostra visible do Foro Romano da cidade, unha vez que finalicen os traballos de construcción do mesmo.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova