Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Festival internacional de literatura e arte con retranca


# Luns, 23/03/2015
Lugo acolle do 6 ao 12 de abril o Festival Internacional de Literatura e Arte con Retranca, unha iniciativa pioneira da Concellaría de Cultura decidida a transcender a muralla e mesmo as fronteiras

Imaxe Asociada
Sete días que cambiarán o mundo (e logo non!)
•    Apadriñado por un diaño no medio da escaleira, seica a subir, se cadra a baixar, o Festival da Retranca encherá a cidade de humor maiúsculo e cultura polo miúdo (e todo de balde)

•    Escritores, cineastas, magos, humoristas, bailaríns, cantantes... a listaxe de convidados é tan ampla como retranqueira, desde Carlos Blanco ou José Luis Cuerda, a Fernando Schwartz, El Chivi ou Róber Bodegas, mais os de Titirimundi, as de Aldaolado, Impresenteibols, Lois Pérez, Sergio Pazos...

Ironía, sarcasmo, enxeño, retintín e moito, moito humor disque son os ingredientes básicos da retranca, esa especie de flegma británica made in Galicia. “Un xeito de defensa léxica”, segundo o mestre Forges. Xa cumpría renderlle unha homenaxe a ese algo tan de noso coma a morriña ou o polbo á feira, logo. E velaquí está por fin, o primeiro festival que se fai no mundo dedicado por enteiro á retranca, esa habelencia enxebre que temos os galegos de irmos con segundas; ese revirármolo e sacármoslle punta a todo, todo, todo, con unha aquela disque única e intransferible.

Cómpre, porén, non tomalo a chacota. Organizado pola Concellaría de Cultura, que dirixe Carmen Basadre, e apadriñado por un diaño quieto parado no medio e medio da escaleira, o Festival Internacional de Literatura e Arte con Retranca é un foro cultural serio de vez, un evento de primeira magnitude, insólito no panorama nacional, no que, do 6 ao 12 de abril, terán cabida todo tipo de manifestacións artísticas, quer literatura, pintura, debuxo ou escultura, quer música, poesía, cine ou teatro; ora danza e arte dixital ora gastronomía.

Suban ou baixen, os lugueses en particular e os seres humanos en xeral, poderán gozar durante unha semana, completamente de balde, de “encontros e des-encontros con escritores, lerias reviradas, monólogos desconcertantes, espectáculos inauditos, exposicións e imposicións...” Mesmo, en querendo, probaren a Retrancus, “posiblemente, a peor cervexa do mundo (ou non)”, producida en exclusiva para o festival, ou gorentaren un menú de alta cociña do máis retranqueiro, ou tamén as tapas feitas ex profeso polos locais de restauración da cidade.

O Festival da Retranca, concibido para todos os públicos, apropiarase do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) como sede central, pero ademais do museo localizado no Parque da Milagrosa, tomará ao asalto as prazas e rúas da cidade, dentro e tamén fóra da muralla.

E para que non haxa escusas, a Concellería de Cultura habilitará un servizo de bus gratuíto para acudir decote os eventos que se desenvolverán no Museo Interactivo; unha liña de transporte con dúas saídas diarias, ás 19.30 horas dende o campus universitario (diante da Facultade de Humanidades) e ás 19.45 horas dende a Ronda da Muralla (edificio sindical), e co regreso previsto para as 22,15 horas.

Cumpría. Porque entre os convidados ao Festival temos nomes do máis ilustre e non poucos ilustrados. Humoristas, actores, escritores, xornalistas, músicos, artistas plásticos e ata monicrequeiros. A listaxe inclúe persoas e personaxes da talle do director José Luis Cuerda, o actor Sergio Pazos, os humoristas Laureano Márquez e Carlos Blanco, os escritores Fernando Schwartz e Pedro Feijoo...
 
RETRANCA día si, día tamén

A retranca, ese sinal de bo humor, civilización e alegría de vivir, enseñorarase de Lugo dende o mesmiño luns, 6 de abril, no primeiro dos actos programados polo Festival Internacional. Será nun man a man do humorista venezolano Laureano Márquez co xornalista Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas de Galicia. Ambos os dous falarán, coa circunspección que cómpre, do “Humor en serio” (MIHL, 20 horas). Márquez, considerado un dos mellores humoristas do mundo, presentará logo o seu último libro, “No pudimos”.

Unha hora despois, ás 21 (luns 6), Márquez e Pereiro cederanlle o Museo Interactivo aos monicreques. Jaime Santos, creador e alma do grupo “La Chana”; José Antonio López Parreño, director do festival Titirimundi de Segovia, e Julio Michel, fundador e ideólogo do evento segoviano, enlearanse nunca latricada a propósito de “Títeres: un indocumentado en las fronteras de la moral”. Un chisco antes, se cadra para sabermos do que están a falar, Santos presentará o seu espectáculo “Entre diluvios”, unha achega mordaz  e simpática que convida ao riso e asemade á reflexión.
Xa o martes, 7 de abril, o Festival da Retranca vaise aínda máis arriba grazas á presenza dos escritores Fernando Schwartz e Manuel Avilés (ás 20 horas, no MIHL). Schwartz e Avilés repasarán as súas vivencias e reflexionarán sobre os seus “Anos de tormenta na Transición”. Rememorarán cando pensaban que Franco nunca morrería, e a etapa de esplendor que se abriu cando –seica- ao cabo finou; anos de entusiasmo e reticencias, a miúdo perigosos, sempre revoltos... Van falar de Franco, confesan, seica “porque non cansan de facelo unha e outra vez”.
Deseguido da tormenta dialéctica Schwartz-Avilés, ás 21,30 horas, tamén no MIHL, se inaugurará a exposición retrospectiva do artista perversionista Luis Nieto. O “perversionismo”, esa versión sarcástica e burleira da arte, ten en Nieto o seu máximo expoñente, “un talento desbordado e nada doado de amarrar”.
O mércores día 8 vai ser a xeira dos duálogos. O Festival da Retranca acollerá ese serán, ás 20 horas, coma sempre no MIHL, a dous guionistas e tamén escritores, Pep Bras e Manel Loureiro. Aquel mestre do humor e mais estoutro do terror esnaquizarán de todo (ou quizais non) as vantaxes e desvantaxes da “Vida conxugal” no decurso, din, “dunha viaxe ao máis recóndito dos nosos sentimentos”.
Tras deles, ás 21 horas, o mércores farase familiar. Un pai e mais un fillo compartirán o Museo Interactivo de Historia: Tony Antonio e Tony Melero. Defenderán que “O humor profesional non é unha brincadeira”. Aínda menos entre parentes. Antonio, polo menos, “xamais fai chistes co humor; sequera na intimidade”.
O xoves día 9, a retranca desenvolverase no MIHL, no canto de riso a riso, de verso a verso. A parella poética e musical Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado) presentan ás 21,30 horas no Interactivo de Historia o seu novo espectáculo “Sempre en Ibiza”.
O venres, día 10, o Festival Internacional acollerá dous pesos pesados galegos, o escritor best-seller vigués Pedro Feijoo, ex músico de Lamatumbá e Los Feliz, e mais o celebrado director do programa da Radio Galega “Galicia por diante”, Kiko Nóvoa.
O lema da conversa que ambos os fetiches manterán as 20 horas do venres no MIHL non deixa lugar a dúbidas: “Cando a realidade supera a ficción en Galicia: hai outros mundos, pero todos están a esta banda do río Miño...”.
Outra charla que se prevé ben interesante de antemán é a que teñen previsto celebrar tras de que Feijoo e Nóvoa marchen do MIHL os convidados Róber Bodegas e Manuel de Lorenzo. Será ás 21 horas e irá de “Os límites do humor”. Tal coma cómpre, o actor carballés proclamado El Rey de la Comedia, e mais o músico e xornalista ourensán, tratarán porén de atoparllos por todas as partes, tanto no eido do humor negro, como no chamado humor absurdo e por suposto nese disque “inclasificable”.
Tamén o venres, mais na Praza do Campo, Impresenteibols ofrecen ás 23 horas unha sesión do seu humorjazz. A actuación, chamada “Conferencierto en directo”, descubrirá aos lugueses un xeito particular de música con retranca. Aquela que pretende “sacar o café-teatro ás prazas das vilas e levar o carnaval ás salas dos teatros”.
O sábado 11, ás 13 horas, será a quenda do escritor e humorista Félix Caballero e mais o narrador oral Lois Pérez. Ambos os dous explicarán no MIHL por que a retranca “Non é pataca minuta”.
Lois Pérez terá que traballar o duplo esa primeira xeira da fin de semana, xa que ás 14 horas, igualmente no Museo Interactivo da Historia, disparará o seu “Humor a queimarroupa”.
Á tardiña, o MIHL vestirase de cine. O director José Luis Cuerda presentará a súa primeira novela, “Tiempo después”, da man de Julián Lacalle, o seu editor e un dos responsables da editorial rioxana Pepitas de calabaza, unha das máis contracorrente do momento.
“Tiempo después” (2015) disque está baseada en feitos reais. O mundo enteiro queda reducido a un so edificio e mais a súa contorna. Os veciños, isto é, a poboación mundial, chega como pode ao ano 9177, mais o sol segue a saír tres ou catro días á semana... Tal é o disparatado punto de partida da novela de Cuerda, tan surrealista, se non máis, ca esoutra obra de arte da súa autoría considerada hoxe en día xa case que patrimonio da Humanidade: “Amanece, que no es poco”. A película máis emblemática de Cuerda recibirá tamén unha pequena homenaxe por parte do Festival. Mais como non. Ao cabo, que mellor exemplo de retranca ca ese filme mítico.
Outra parella do máis particular pechará a xornada do sábado. Será ás 21 horas e por suposto, no MIHL. O inclasificable José Córdoba, El Chivi, psicanalizará ao pai do inspector Víctor Ros, o escritor Jerónimo Tristante, só por ver de facernos comprender por que o murciano “Mata demasiado”.
O Campo Castelo recibirá o sábado día 11 sendas actuacións. Primeiro, ás 22,30 horas, as mozas de Meigas Tribal ofrecerán a súa “Danza con retranca”. A compañía ourensá tentará amosar en vivo e mais directo a inevitable maxia que enche o ambiente cando se perde o medo e se improvisa a creatividade. A súa habitual fusión de rock e danzas orientais promete ser do máis movidiña.
A fin de festa poraa o sábado 11, igual no Campo Castelo, o propio José Córdoba, quen presentará, ás 23 horas, o seu último disco “Quince sombras de Chivi”. A xeito de particular homenaxe á cidade, Córdoba estreará unha canción composta expresamente para o Festival: “Con Retranca”, por suposto.
O programa previsto para o domingo, día 12, empeza ás 13 horas no Museo Interactivo de Historia, momento no que a creadora escénica Marta Pérez e mais o pintor Antón Sobral reflexionarán sobre o ridículo ao que adoita conducir o ego, a fachenda e mais o autobombo. Baixo o título “Ego: a autoimportancia de chamarse René Lavand”, ambos os dous analizarán esa ameaza que pende sobre os creadores en xeral, xa triunfadores xa mediocres, ao empeñárense en consideraren que o mundo non podería vivir sen eles e mais as súas achegas artísticas, sempre disque extraordinarias.

Pouco máis tarde, ás 14 horas, o MIHL faralle oco a aqueles humoristas afeccionados que se atrevan a chimpar a un directo sen rede de seguridade. O I Concurso Catapulta de Talentos Novos será o trampolín. Dirixido a todos os cidadáns maiores de idade, foi convocado polo Concello, en concreto pola Concellaría de Cultura, para premiar a creatividade e o sentido do humor dos lugueses. Os tres mellores relatos retranqueiros que se erixan en gañadores terán dereito a un voo en avioneta sobre a cidade, ademais de levaren un diploma conmemorativo.

A entrega dos galardóns do I Concurso de Humor Gráfico está prevista para esa mesma tarde do domingo. Será ás 18,15 horas e igualmente no Interactivo da Historia. Estoutro certame do Concello, dirixido ao alumnado de todos os centros escolares de Lugo (entre 5º de Primaria e 4º da ESO), estableceu seis categorías, unha por curso. A rapazada houbo de enviar viñetas de tema libre, aínda que cun claro contido humorístico, debuxadas ben a man ou con ordenador.

A gala de Humor Gráfico precederá a intervención do Mago Rafa e mais o escritor e xornalista Camilo Franco. Ás 18,30 horas, o Mago Rafa, ademais de estrear o seu novo espectáculo “Historias dun ilusionista”, leriará con Camilo Franco sobre “A beleza do asombro”; unha parolada que xirará ao redor da figura do disque ilusionista manco René Lavand.

Tras deles, ás 20 horas, outra grandísima parella da escena galega, retranqueiros por excelencia, ocupará o MIHL: Carlos Blanco e Sergio Pazos. Blanco e Pazos enfrontaranos co espello a través das súas montaxes “Se galego, my friend” e “Charles White in London”. Será, nas súas palabras, un combate dialéctico do xeito “Tes razón, mais eu tampouco estou equivocado”.

A música do grupo Los Gandules pechará o Festival da Retranca. Será no Campo Castelo, o domingo 12, a partir das 22 horas. Los Gandules, autores da banda sonora da película “Isi Disi 2: Alto Voltaje” de Santiago Segura e Florentino Fernández, darán a coñecer o seu novo disco, titulado “Tardes de merienda”. É un traballo que segue a súa liña de versionar cancións famosas con letras cheas de humor, un dos sinais de identidade dos aragoneses. Outro, a súa teima de actuar en bata e zapatillas, bebendo alcohol e laretando co público namentres (fan que) cantan.
A RETRANCA vaiche por barrios
Actividades programadas fóra do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL)

O Museo Interactivo da Historia de Lugo é o cuartel xeral da Retranca, mais non o seu reduto. A Concellaría de Cultura, organizadora do primeiro encontro internacional, tivo claro dende o principio que a festa tiña que estar en todas as partes e chegar a todos os lugueses.

É por iso que, dende o 6 ata o 12 de abril, o humorista Lois Pérez tomará Lugo ao asalto para, sen previo aviso, facer realidade ese dito de que “A retranca vaiche por barrios”. Será, tal como o define Pérez, “unha contada humorística espontánea”, á que procederá no momento máis inesperado e no lugar da cidade menos pensado. Á vaiche boa.

O Mercado Municipal tamén terá os seus minutiños de gloria. Retranca Fresca de todo, acabada de levar. Por riba, o sábado día 11, ás 14 horas, será o escenario doutro espectáculo da compañía de danza Meigas Tribal. Os mercadores que haxa pola contorna quedarán abofé sorprendidos: as cinco bailarinas do grupo amosaranlles unha vez máis o moito que se pode quitar do corpo humano cando se perde o medo a trabucarse e se turra da improvisación como fórmula creativa.

A Praza do Campo e o Campo Castelo pasarán a ser, polo menos durante unha semana, sendos pavillóns de concertos. Así, o venres día 10, na Praza do Campo, os Impresenteibols farán ás 23 horas o seu “Conferencierto en directo”.

O sábado 11, pero no Campo Castelo, e ás 22,30 horas, Meigas Tribal volverá coa súa “Danza con retranca”. Media hora máis tarde, ás 23 horas, ese mesmo sábado 11 El Chivi presentará as súas “Quince sombras de Chivi” e mais a canción creada ex profeso para este Festival Internacional, titulada “Con retranca”.

Xa o domingo día 12, igual no Campo Castelo, ás 22 horas, o grupo aragonés Los Gandules traeranos o seu novo disco “Tardes con Merienda”, un concerto que porá punto final á semana retranqueira.

RETRANCA ata na sopa
Actividades paralelas do Festival: exposicións e xornadas gastronómicas

O MIHL non só acollerá os convidados o Festival, tamén ofrecerá durante eses sete días de abril que cambiarán el mundo un total de tres exposicións. Relacións rotas, unha mostra na que todas as persoas que se sintan identificadas e así o desexen poderán mesmo participar nun “acto creativo de desapego”. En segundo lugar, unha retrospectiva dos mellores traballos do artista multimedia Luis Nieto e, á fin, aínda que só o mércores 8, ás 19,30 horas, un pase multimedia titulado “El Jueves, retranca im-presa”, un percorrido virtual delirante polos “pendóns do humor e as cincuenta sombras do Rei, pasando pola frugal independencia catalá”.

Os mellores establecementos de hostalaría da cidade (sinalados “con bo humor garantido”) sumaranse á festa ofrecendo unha carta de tapas deseñada para a ocasión: gastronomía con retranca na que nada é o que parece. Ademais, haberá cervexa do Festival, a Retrancus, “posiblemente, a peor cervexa do mundo (ou non)”, pero artesanal.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova