Cargando....
Concello de Lugo
19/06/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O programa do Lvcvs Cvltvral 2015 recolle diferentes actividades para os meses de abril, maio e xuño


# Venres, 27/03/2015
A Concellería de Cultura anunciou que unha das novidades serán as noites de teatro nos museos de Portamiñá e San Roque

Imaxe Asociada
A Concelleira de Cultura, Xuventude, Turismo e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou as actividades culturais previas ao Arde Lucus, o Lvcvs Cultural, que se celebrarán entre o 14 de abril e o 17 de xuño.

Esta serie de actos culturais, englobados baixo o nome “Lvcvs Cvltvral”, divídense en catro grandes bloques: ciclo de conferencias, visitas Lucus Cultural, xornadas temáticas nos diferentes barrios da cidade e actividades.

O punto de partida será o I Ciclo de Cine Arqueolóxico,  en colaboración co Festival Internacional de Cine Arqueolóxico do Bidasoa e que recolle os mellores documentais de temática antiga que pasaron polo un dos festivais máis prestixioso de Europa neste xénero. En total serán 8 documentais, catro de temática castrexa e catro de temática romana, que se proxectarán na Sala de Grupos do Museo Interactivo da Historia de Lugo ás 21 horas e de entrada gratuita. Este ciclo abriráo o día 14 de abril o documental francés Cuando los galos perdieron la cabeza e Tras las huellas de los celtas. O martes 21 de abril terá lugar a proxección de Los festines de Luern:una investigación arqueológica sobre los festines galos e El legado celta. O martes 28 de abril Arles-Rhône 3: del río al museo e El Impero romano: legionarios de Roma. Remata o martes 5 de maio coa proxección de El perfume recuperado e Herculano.

A seguinte actividade será o II Encontro de Moda, Vestimenta, Artesanía e Produtos de época romana que terá lugar os días 17, 18 e 19 de abril na praza Maior e contará coa colaboración de Lugo Monumental. O 16 de abril terá lugar a presentación do libro Las hijas del César de Pablo Núñez ás 20 horas no MIHL.

Unha das novidades este ano é o Alimentum co proxecto Cociñar como Romanos nas que os especialistas Juana María Huélamo e José María Solias impartirán varios obradoiros sobre a alimentación romana e como se cociñaban. Esta actividade estará acompañada dunha exposición de Thermopolium organizada por Caetra Lucensium no Mercado Quiroga Ballesteros os dias 8 e 9 de maio. O 10 de maio a partir das 11 horas farase unha ruta pola Via Romana XIX con saída en Nadela e remate en San Román da Retorta.

O 17 de maio tamén se celebrará a xa tradicional degustación e venda de pan romano en colaboraicón coa Asociación de Fabricantes de Pan da Provincia de Lugo. O acto será na Praza Mairo entre as 11 e as 14 horas.



Outra das novidades son as Noites de Teatro nos Museos, unha nova actividades que se celebrará sempre ás 22 horas e comezan o 15 e 29 de maio no Museo de San Roque e o 22 de maio e 5 de xuño no Museo Porta Miñá. Nesta actividade participan compañías de teatro como Achádego, Hipócrita, Nova Escena, e Nostrum Cai.

Para aqueles veciños e veciñas que queiran preparar a súa vestimenta de cara o Arde Lucus poderán facelos nos diferentes obradoiros que se celebran na Casa da Xuventude todos os sábados entre o 26 de abril e o 7 de xuño a partir das 11 horas e para os que non fai falta inscrición previa.

Por outra parte, as conferencias organizadas pola asociación Cohors III Lucensium, comezan o 15 de xuño, co historiador Javier Gómez Vila que explicará O exército e as redes viarias na Gallaecia Romana. A seguinte sesión será o día 16 de xuño impartida por Clara María Ramos Taboada sobre Escravitude e manumisión en Roma: as súas pegadas en Gallaecia. Finalmente, o 17 de xuño, Xurxo Ayán Vila departirá sobre a A cosa nostra ou a Gallaecia imaxinada. Todas estas conferencias terán lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo ás 20:30 horas.

En canto ás visitas culturais guiadas terán lugar os días 16, 23 e 30 de maio, dende as 11 da mañá, e formaranse grupos de ata 25 persoas para cada unha das visitas. Estas serán visitas ao Lugo Romano, coñecendo os puntos máis destacados da cidade. Os grupos de visita completaranse por orde de inscrición que se poderá facer a través da Oficina de Turismo ou no 982.251.658

III Certamen Seu Ludus Litterarum

A Concelleira de Cultura tamén anunciou que segue aberto o prazo para participar na terceira edición do certame literario en latín Seu Ludus Litterarum “Lucus Cultural”. O prazo para a presentación dos orixinais será ata o 17 de abril. O certame está dirixido a mozos de entre 16 e 28 anos de idade, de calquera nacionalidade, que deberán presentar relatos inéditos escritos en latín e que traten sobre a fundación da cidade de Lugo.

Haberá dous premios valorados en 300 euros. Un deles para participantes de 16 a 18 anos e outro para os de idades comprendidas entre 18 e 28 anos. No caso de que o premiado ou premiada sexa de fóra do Concello de Lugo, poderá escoller, en vez do premio en diñeiro, unha invitación para dúas persoas á festa do ARDE LUCUS do 2015 consistente en aloxamento durante as tres noites da fin de semana con almorzo incluído.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova